NEDA DESPEDIRÁ ESTE SÁBADO A UN GRUPO DE DOENTES DE DIABETES QUE VIAXAN A PÉ ATA SANTIAGO

Neda, 12 de xuño de 2019.- A Fundación para la Diabetes organiza unha peregrinación a Santiago pola ruta do Camiño Inglés que terá como punto de partida a vila de Neda. Será este sábado, día 15, nas inmediacións da igrexa de Santa María. A saída producirase sobre as 8.30 horas e está previsto que acuda o alcalde en funcións, Ángel Alvariño Saavedra, para despedir e desexar bo camiño aos participantes.
Un total de 100 persoas tomarán parte nunha iniciativa que, denominada “Camina por la diabetes”, ten por obxectivo demostrar que cun control regular e uns hábitos de vida saudable se pode superar calquera reto, aínda que para isto sexa necesario estar preparándose desde o pasado mes de xaneiro, tal e como foi o caso deste grupo de doentes de diabetes do tipo 1 e 2. Os participantes, que sempre estarán baixo vixilancia médica, “queren facer das súas gañas de superación un exemplo a seguir para as persoas, teñan ou non diabetes”.
A distancia á cidade do Apóstolo cubrirase nun total de cinco etapas, polo que a chegada a Santiago producirase o próximo mércores, día 19 de xuño.