O CONCELLO DE NEDA ORGANIZA PARA ESTE XOVES A XX GALA DO DEPORTE LOCAL

Neda, 11 de xuño de 2019.- Este xoves a Casa da Cultura de Neda vestirase de festa para acoller a XX Gala do Deporte local. O acto dará comezo ás 20.00 horas e estará presidido polo alcalde en funcións, Ángel Alvariño Saavedra, e máis polo concelleiro, tamén en funcións, Antonio Seijo Martínez, responsable da área de deportes durante o pasado mandato.
A cita ten por obxectivo facer un balance positivo da última temporada coa entrega dos premios ao Mellor Deportista e ao que ten unha Mellor Proxección Deportiva. Tamén haberá mencións especiais para a agrupación de voluntarios de Protección Civil de Neda e para o Club de Atletismo de Narón e agasallos a un total de 35 deportistas que se atoparán entre os invitados á Gala.
Desde o goberno municipal en funcións invítase á veciñanza a sumarse á celebración asistindo ao acto no que rende homenaxe aos deportistas locais e á boa imaxe que transmiten de esforzo e compromiso.