A SOCIEDADE A PONTE DA COBELUDA ORGANIZA PARA O DÍA 23 AS ANDAINAS SOLIDARIAS E O XANTAR

Neda, 5 de xuño de 2019.- O Concello de Neda volve colaborar coa SCR A Ponte da Cobeluda na organización da IV Andaina Ponte da Cobeluda, que ten moito de actividade deportiva pero tamén un importante contido social e solidario.
A presente edición terá lugar o día 23 de xuño e dará lugar a tres rutas, cuxas distancias van dos 18 aos 2 quilómetros, así como un xantar que terá lugar na área recreativa e a unha recollida de alimentos para contribuír ao banco local. A inscrición mínima para tomar parte nas andainas implicará a donación dun quilo de alimentos non perecedoiros por persoa. As tres rutas terán como punto de saída e de chegada a area recreativa do río Castro. A primeira delas dará comezo ás nove da mañá, terá unha duración de catro horas e un percorrido de 18 quilómetros. O trazado discorrirá por Anca, Fervenza do Belelle e Louseira. Para as 11.00 horas está previsto o inicio da andaina na que os participantes cubrirán unha distancia de seis quilómetros, a súa duración será de 90 minutos e pasará por Liñares, Igrexa dos Remedios, Rego dos Gatos e Chisqueira.
A pensada para os máis novos deportistas comezará ás doce do mediodía, levarase a cabo polas inmediacións da Cobeluda e terá unha duración non superior aos quince minutos. As persoas interesadas en tomar parte xa poden formalizar as súas reservas a través dos números telefónicos 626 588 047 e 609 840 450. Así mesmo tamén terán que inscribirse os veciños e visitantes que teñan interese en tomar parte no xantar que, a base de churrasco, empanada, criollos, listos e patacas, terá un custo por persoa de 15 euros, no caso dos adultos e de 10 para menores con idades comprendidas entre os 5 e 12 anos. O nenos ata os catro anos comerán gratis. Os bonos xa están a venda no chiringuito da Cobeluda e no bar Graña, situado na Cruz do Pouso.
Nos dous últimos anos a entidade social da Cobeluda contribuíu con máis de 400 quilos ao banco de alimentos de Neda.