O CONCELLO LEMBRA QUE O DÍA 31 REMATA O PRAZO PARA ASISTIR AOS CAMPAMENTO DA DEPUTACIÓN

Neda, 14 de maio de 2019.- O Concello de Neda faise eco da convocatoria dos Campamentos Deportivos de Verán da Deputación para recordar aos rapaces con idades comprendidas entre os 9 e 14 anos que o prazo de inscrición remata o día 31 do presente mes de maio. Trátase de estancias de cinco días, por importe de 85 euros, no centro Calvo Sotelo da Coruña e cun programa de actividades que vai desde as deportivas e culturais ata as veladas nocturnas. Os interesados teñen a posibilidade de inscribirse nas oficinas do Concello, nas que ademais deberán entregar unha foto de carné, fotocopia de tarxeta sanitaria e libro de familia, copia do ingreso da cuota e, no suposto de que o nena ou neno necesitara ter un tratamento específico ou padeza algunha doenza, xustificante médico asinado polo facultativo correspondente. Terán prioridade os solicitantes que non teñan participado en anteriores edicións e a concesión das prazas farase a través dun sorteo que terá lugar só dous días despois de rematar o período de inscrición. Os rapaces de Neda viaxarán xunto aos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, na quenda que dará comezo o día 7 de xullo e rematará cinco días despois, na tarde do día 12.
Os participantes deberán levar toallas e útiles de aseo, gafas de sol e crema protectora, chuvasqueiro, mochila pequena e un equipamento deportivo que inclúe sudadeira, pantalóns cortos, camisetas, chanclas para a ducha e traxe de baño, así como roupa de rúa.