O SECRETARIO DO CONCELLO, PREMIO MANUEL COLMEIRO POLO SEU TRABALLO SOBRE AS FESTAS POPULARES

Neda, 13 de maio de 2019.- O goberno de Neda quere facer pública a súa felicitación ao secretario do Concello, Alejandro Antelo Martínez, que na noite do pasado xoves recibía en Santiago de Compostela o premio Manuel Colmeiro da man do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, polo traballo de investigación “Las verbenas populares en Galicia: régimen de intervención municipal”. Alfonso Rueda resaltou a importancia da publicación por canto “propón ideas e adxunta avances concretos dos que poden beneficiarse a sociedade galega”. O traballo de Antelo Martínez, doutor en Dereito e vinculado á administración nedense desde fai dez anos, aborda o marco xurídico relativo ás festas populares despois da aprobación da Lei de Espectáculos Públicos e Actividades de Galicia, vixente desde o mes de decembro do ano 2018.
O premio Manuel Colmeiro é un galardón creado no ano 1992 con intención de fomentar e distinguir a investigación sobre as administracións e os entes do sector público de Galicia desde calquera perspectiva de estudo. A convocatoria, que este ano se fixo pública ao pasado 29 de xaneiro, está aberta a persoas individuais ou grupos de traballo de calquera nacionalidade dos Estados membros da Unión Europea.
O alcalde, Ángel Alvariño Saavedra, e o concelleiro de Obras, Ángel García Cordero, arroparon ao premiado, que tamén estivo acompañado de familias e amigos.