A ANDAINA ENTRE SANTIAGO E FISTERRA REMATA O DOMINGO PENSANDO XA NUNHA NOVA CONVOCATORIA

Neda, 4 de abril de 2019.- A andaina organizada polo Concello de Neda entre Santiago e Fisterra chegará esta fin de semana á meta prevista e despois de percorrer algo máis de 72 quilómetros nas tres anteriores etapas. Na que terá lugar o próximo domingo día 7 de abril, os participantes, que se aproximan aos cen, cubrirán 25 quilómetros, que é a distancia que existe entre a ermida de Nosa Señora das Neves e o faro situado na fin do mundo, tal e como se estaba a pensar na antigüidade.
A saída producirase ás 7.30 horas das inmediacións do albergue de peregrinos e a primeira parte da etapa realizarase en autocar, un medio de transporte que tamén se utilizará na viaxe de regreso. Unha vez en Neda os participantes serán obsequiados con música e viandas e recibirán a Fisterrana. Será no albergue do peregrino e dará comezo ás oito da tarde.
A andaina entre Santiago e Fisterra deu comezo o día 17 de marzo e, cando xa está a piques de rematar, desde a Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Turismo xa se está a pensar na que se levará a cabo o próximo ano, por considerar que estas actividades “potencian os hábitos de vida saudables, favorecen a socialización e axudan ao coñecemento do noso patrimonio artístico, histórico, cultural e natural”, tal e como apuntou a súa responsable, Cristina Bouza Bellón. “Para min a sensación coa que rematan os participantes é un empuxe para seguir adiante con estas iniciativas”, aseverou..
A concelleira tamén entende que “temos un entorno local e en Galicia en xeral marabilloso e cheo de recursos” e asegurou que “o obxectivo que se está a perseguir con estas convocatorias é a posta en valor do territorio para potenciar na xente o orgullo do noso”. Bouza Bellón, que lembrou as rutas turísticas convocadas con anterioridade á andaina, destacou o encanto natural da ruta que rematará o domingo 7 e os moitos servizos que existen ao longo da ruta, tanto albergues como mesóns, para dar acollida a peregrinos e visitantes. Tamén quixo agradecer “a todos os que fixeron posible o éxito da actividade, aos participantes e aos voluntarios de Protección Civil de Neda, de Ames e Dumbría, que nos acompañaron e nos prestaron toda a súa atención e traballo”.