NEDA PRESENTA O LIBRO “LOS SOLDADOS DEL TERCIO NORTE Y LAS TRES ESPAÑAS EN LA GUERRA DE CUBA

Neda, 6 de febreiro de 2019.- O goberno de Neda invita á veciñanza a asistir o próximo venres, día 8, á presentación do libro “Los soldados del Tercio Norte y las Tres Españas en la Guerra de Cuba”, do que é autora Ana Isabel Bello Platas (Serantes, Ferrol 1976). O acto dará comezo ás 20.30 horas e terá lugar na Casa das Palmeiras.

 

Ademais da escritora, xa ten confirmada a súa asistencia a concelleira de Cultura, Cristina Bouza Bellón. A autora utiliza como fío condutor o testemuño de Jerónimo Blanco, soldado de Infantería de Marina ferido na guerra de Cuba, para contextualizar un feito histórico e interpretar os acontecementos que tiveron lugar en Piedra Picada (Cuba), divulgando datos inéditos sobre os homes que no ano 1895 formaban parte da dotación do cuartel de Nuestra Señora de los Dolores del Tercio Norte de Ferrol.

 

Ana Isabel Bello Platas é licenciada e doutora en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, relatora en moi diferentes foros e articulista nas revistas “deNeda” e “Gallaecia”. A autora de “Los soldados del Tercio Norte y las Tres Españas en la Guerra de Cuba” tamén ten editado artigos sobre a antiga fábrica de moedas de Xuvia con motivo da celebración do XIII Congreso Nacional de Numismática “Moneda e Arqueología” celebrado en Cádiz e do XV Congreso Nacional acontecido no ano 2014 en Madrid.

 

Ademais do libro que se presentará este venres en Neda, Ana Isabel Bello tamén é autora dos seguintes títulos: “La Ceca de Juvia. La última fábrica de la moneda de Galicia”, “La fabricación de fusiles en la ría de Ferrol”, e “La capilla de Serantes”, editados por Embora, e “A enerxía do planeta” e “El pazo Libunca” editados polo Concello de Narón. Servicios Gráficos é a editorial que está detrás do traballo que se dará a coñecer o día 8.