NEDA INVESTIRÁ MÁIS DE 26.000 EUROS NA RENOVACIÓN DUNHA TERCEIRA PARTE DAS MARQUESIÑAS

Neda, 4 de febreiro de 2019.- O Concello de Neda iniciou o proxecto de renovación das marquesiñas que finalizará nas próximas semanas coa substitución dun total de 11 unidades e o cambio de ubicación doutras tres. A día de hoxe xa están operativas as situadas na estrada AC-862, á altura da Cruz do Pouso. O investimento previsto alcanzará os 26.168 euros.
A idea do goberno de Neda é contribuír á modernación do servizo de transporte público coa renovación daquelas marquesiñas que se atopen en peores condicións. A día de hoxe, no termo municipal, existen un total de 33 estruturas fixas para o servizo de transporte público que, na súa maioría, se atopan en bastante boas condicións, tal e como apuntou o alcalde, Ángel Alvariño Saavedra. O rexedor destacou a necesidade de garantir a conservación destas instalacións “imprescindibles para os usuarios do transporte público e mesmo do escolar, polo que desde o Concello contribuiremos na medida das nosas posibilidades, do mesmo modo que velaremos pola súa conservación e mantemento”.