COSTAS SITÚA A FINAIS DESTE MES A APERTURA AO PÚBLICO DA PASARELA SOBRE O RÍO XUVIA

Neda, 5 de Xullo de 2018. A Demarcación de Costas fixou para os últimos días do presente mes a apertura ao público da pasarela sobre o río Xuvia, unha estrutura que onte recibía a visita dos máximos responsables da Demarcación en Galicia, Rafael Eimil Apenela e Carlos Gil, e dos alcaldes de Neda e Narón, Ángel Alvariño Saavedra e Marián Ferreiro Díaz, respectivamente. Estes dous territorios están unidos por unha plataforma peonil de 90 metros de lonxitude.
Durante o tempo que duraron as obras, máis do previsto inicialmente pola meteorolóxica adversa, tal e como recoñeceu o Xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, a pasarela foi sometida a un profundo tratamento de conservación e renovación, do que o conselleiro técnico Carlos Gil destacou a aplicación de funxicidas para garantir a conservación da madeira -que tamén se limpou- a utilización de pinturas “grosas para que non haxa que tocarlle ao menos nos próximos cinco anos”, a apertura de furados nas bases dos arcos para evitar a acumulación de auga e a substitución de pasadores dos tirantes que suxeitan a estrutura voada para estabilizala.
A parte máis ornamental da pasarela, os arcos, xa locen desde hai días unha cor vermella que destaca de maneira moi especial sobre “unha paisaxe moi ben conservada”, segundo recoñeceu o propio Rafael Eimil aos rexedores municipais. O responsable de Costas confirmou así mesmo que a instalación dos máis de 150 metros de varanda dará comezo o próximo luns e que a recta final da obra consistirá na colocación e posta en funcionamento do novo sistema de iluminación. Será a base de tecnoloxía LED e dará lugar á colocación dun punto de luz cada cinco metros para alumear a estrutura peonil e outros doce sobre o teito dunha renovada cuberta de zinc que enfocarán directamente aos arcos.
O investimento superou os 196.000 euros e a obra foi executada pola empresa Tragsa, cuxa delegada para a zona da Coruña, Elena Iglesias, tamén estivo presente durante a visita. O alcalde de Neda, Ángel Alvariño Saavedra, destacou a dobre función que cumpre a pasarela, xa que fai posible poder recorrer a pé todo o perímetro da ría, desde Ferrol a Xuvia, pasando por Narón e Fene, ademais de desempeñar unha clara función social. A estrutura é un elemento máis dun espazo de lecer creado entre Neda e Narón na desembocadura do río Xuvia.
Pola súa banda, a alcaldesa de Narón coincidiu con Alvariño Saavedra en sublimar a importancia desta estrutura a nivel de comunicación entre ámbolos dous concellos. Así mesmo, valorou os traballos realizados por Costas e tamén o próximo remate das obras.
A pasarela ten un dobre arco central de 45 metros cada uno. É de madeira laminada sobre un taboleiro formado por un caixón en aceiro de dous metros de anchura e outros 2,5 máis ao aire. Un xogo de amarres e cables laterais dan á infraestrutura unha imaxe de flexión. A pasarela foi inaugurada no 2004 e só catro anos despois afrontou a súa primeira reparación por parte da Demarcación de Costas en Galicia.