EN NEDA OS PERMISOS PARA AS LUMINARIAS DE SAN XOÁN XA SE PODEN TRAMITAR “EN LIÑA”

Neda, 14 de Xuño de 2018. O Concello de Neda recorda que existe a obriga de solicitar permisos para as luminarias que tanto na noite de San Xoán (23 de xuño) como na de San Pedro (29 de xuño) teñan lugar no termo municipal. É unha norma de obrigado cumprimento para garantir a seguridade das persoas que celebran a chegada do verán coa queima de madeira e cousas vellas, segundo se fai constar desde o equipo de goberno.

 Así, ao sistema que viña funcionando ata o de agora -descargar o formulario na páxina web para despois entregalo no Concello- hai que engadir unha nova posibilidade, a solicitude “en liña”. Esta opción, de recente implantación, consiste en tramitar a solicitude online descargando e cumprimentando o formulario, asinándoo dixitalmente e enviándoo por correo electrónico á dirección correo@neda.es (Asunto: Permiso de Luminarias de San Xoan e San Pedro). Para facer uso desta posibilidade o solicitante deberá contar cun certificado dixital ou DNI electrónico para poder asinar o documento..

Toda a información ao respecto pódese consultar a través da páxina web do Concello de Neda (www.neda.es), dentro do apartado de Servizos Municipais, na pestana Medio Rural.

As solicitudes, que son gratuítas, deben tramitarse antes do día 23.