O GOBERNO VALORA O ÉXITO DA FESTA NO CAMIÑO E A ALTA PARTICIPACIÓN E A CALIDADE DAS OBRAS DO CERTAME DE PINTURA RÁPIDA CONCELLO DE NEDA

Neda, 12 de Xuño de 2018. O goberno de Neda califica de éxito tanto a celebración da terceira edición da Festa no Camiño como o primeiro certame de pintura rápida organizado polo Concello. Sobre a festa, o executivo considera que o feito de que a convocatoria coincidira coa celebración de Xuviño veu enriquecer ámbalas dúas propostas de ocio que encheron de xente estes dous municipios durante toda a fin de semana.

O alcalde, Ángel Alvariño Saavedra, apuntou que a celebración deste tipo de encontros son un magnífico escaparate para a promoción de Neda, ademais de ser unha importante axuda econó- mica para o sector da hostalería. Alvariño tamén destacou a contribución de Neda á divulgación da música máis tradicional coa contratación de agrupacións como o cuarteto de Trasancos, a Asociación Álvaro Cunqueiro de Lago e o grupo Boj, entre outros, que actuaron durante os dous días nos que a festa estivo nas rúas do centro histórico da vila.

En canto ao certame de pintura rápida, a responsable de Cultura, Cristina Bouza Bellón, valorou a participación de 37 artistas nesta primeira convocatoria do concurso, así como a calidade das obras presentadas. As tres mellores foron, segundo a consideración do xurado, as realizadas por Raúl Gil Burés, de Rianxo e gañador do primeiro premio (1.000 euros +diploma); Dauga Jean Jacques, de Francia e segundo clasificado (500 euros +diploma), e José Ignacio Amelivía García, de Logroño e terceiro galardoado (300 euros +diploma). O premio local quedou deserto.

Bouza Bellón entende que o éxito da convocatoria xustifica a organización dunha segunda edición.