NEDA INVESTIRÁ 133.000 EUROS EN AGLOMERADOS EN COBELUDA, LADEIRO E CRUZ DO POUSO-GANDARELA

 Neda, 11 de Xuño de 2018. O Concello de Neda continúa coa súa política de renovar e manter as vías municipais nas mellores condicións posibles. O goberno local vén de incluír a realización de tres novas actuacións en estradas con cargo ao Plan adicional do POS da Deputación da Coruña, segundo o acordo aprobado na Xunta de goberno celebrada o pasado día 4 de xuño. O investimento ascende a 133.000 euros, dos que a institución provincial porá 93.000 e a administración local os 40.000 restantes. Trátase de obras de aglomerado coas que se pretende mellorar as condicións que agora presentan o vial da Cobeluda, o denominado de Ladeiro e o que une a zona da Cruz do Pouso con lugar de Gandarela. En total serán máis de tres quilómetros os que serán sometidos a unha intervención na que, ademais de renovar o pavimento, tamén se inclúen traballos de sinalización horizontal e mesmo de limpeza de cunetas.

A contratación destas tres novas intervencións en materia de seguridade viaria producirase antes de que finalice o presente ano, tal e como se fai constar desde o executivo local. Este recorda así mesmo que a política de mellora e conservación da rede viaria municipal foi e sigue a ser unha das prioridades do actual equipo (PSOE, BNG e Converxencia Galega) e neste sentido apúntase o plan de mellora que se está a executar desde a súa chegada ao goberno e polo que xa mudaron un importante número de infraestruturas viarias.