O PLENO APROBOU HOXE O ORZAMENTO MUNICIPAL PARA O PRESENTE EXERCICIO

Neda, 9 de abril de 2018. O equipo de goberno de Neda (PSOE, BNG e CG) sacou adiante hoxe, na sesión celebrada a media mañá, os orzamentos que estarán vixentes ao longo do presente ano, cuxo importe ronda os 4.694.691,34 euros. Son case 300.000 euros máis que no exercicio anterior. O asunto foi aprobado polos grupos do PSOE, BNG e CG. O PP abstívose e Movineda votou en contra.

O agora aprobado estará especialmente enfocado á contratación do servizo de limpeza de edificios públicos, para o que está asinada unha partida de 220.000 euros, e o relativo á asistencia ao fogar, que sairá a licitación por importe de 800.000 euros, segundo apuntou o alcalde, Ángel Alvariño Saavedra, no transcurso da sesión. Algunhas das grandes accións que o equipo de goberno prevé levar a cargo con cargo ao orzamento aprobado hoxe é o inicio da intervención que convertirá Subarreiros na nova zona de lecer do casco histórico de Neda (151.000 euros) e a reparación de varias vías de comunicación, con cargo a un investimento de 132.000 euros, unha partida que podería ser aínda maior coas baixas de pasadas anualidades e do Plan Único da Deputación.

O “contido social” dos orzamentos queda reflectido polo incremento dun 26,70% no último ano e dun 104,29% nos últimos tres do gasto destinado ao Servizo de Axuda no Fogar, unha prestación que este exercicio tamén chegará aos seus usuarios durante as fins de semana e días festivos. Outros gastos incluídos no documento son os 135. 000 euros para iluminación pública, os máis de 128.000 do servizo de recollida de lixo e os 138.000 da achega do Concello para o tratamento de residuos urbanos.

A corporación tamén aprobou a cesión á Xunta do chan do centro de saúde, o que representa un paso máis do Concello para transferir á administración autonómica a propiedade do inmoble.