NEDA BUSCARÁ A AXUDA DA XUNTA PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE SOBRE O RÍO BELELLE NA ZONA DO ROXAL


Neda, 11 de xaneiro de 2018.- O Concello de Neda chamará ás portas das Consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural para buscar financiamento cara á substitución por unha ponte nova do paso superior sobre o río Belelle que agora existe na zona do Roxal. Trátase dunha construción que polas súas características e deterioración non permite a circulación de vehículos articulados, incluídas as motobombas utilizadas na extinción de incendios, e supón unha barreira nas crecidas do río, provocando a miúdo o seu desbordamento. O goberno municipal xa dispón dun proxecto, valorado en 128.000 euros, para a execución dunha nova ponte, augas abaixo da antiga, que non supoña unha nova barreira nas cheas do río, e que garanta poder cruzar o Belelle incluso nas condicións meteorolóxicas máis adversas e para todo tipo de vehículos. Esta nova construción estaría feita con catro vigas prefabricadas apoiadas en dous estribos, sen ningunha pila intermedia e cunha pendente adecuada ás características do terreo. O prazo estimado para a execución dos traballos é de tres meses.O executivo local destaca a importancia dunha obra, non só de cara á comodidade dos veciños que viven na zona, senón tamén desde o punto de vista medioambiental. Ante un eventual lume nos montes e dadas as condicións actuais do paso tanto as brigadas de extinción como os equipos mecánicos estarían obrigados a rodear o monte, o que faría moito menos efectiva a súa intervención.