NEDA RECIBIRÁ ESTE ANO UNHA ACHEGA DE 120.000 EUROS PARA A PRESTACIÓN BÁSICA DE AXUDA A DOMICILIO

Neda, 10 de xaneiro de 2018.- O Concello de Neda ocupa o cuarto lugar na lista dos 82 municipios da provincia con menos de 20.000 habitantes que participan no Programa de Financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais no ano 2018, unha iniciativa da Deputación que proporciona asistencia económica ás entidades locais para a execución das súas competencias en materia de prestacións sociais.
As contías a percibir polos concellos establécense en función das horas realizadas en anos anteriores. Así, cara ao presente exercicio e tendo como referencias as 9.969 horas de libre concorrencia prestadas polos Servizos Sociais municipais durante o ano 2016, Neda recibirá unha achega económica de case 120.000 euros, unha cantidade moi superior aos 17.000 euros que xestionou durante 2017.
O equipo de goberno valora moi significativamente esta colaboración por parte da Deputación por canto tamén representa compartir o gasto derivado das especiais características demográficas do municipio, cuxo censo poboacional está por enriba dos 5.000 habitantes pero con 1.500 persoas maiores de 65 anos. Na actualidade, unhas 100 familias reciben axuda básica por parte dos Servizos Sociais do Concello.
Agradecementos
O goberno municipal agradece publicamente o compromiso da sociedade de Neda coas persoas que menos teñen, tal e como quedou demostrado o pasado Nadal co éxito da campaña de recollida de alimentos. Ao final foron case cincuenta o número de lotes que se entregaron ás familias máis necesitadas grazas á colaboración da veciñanza e a axuda da Asociación das Amas de Casa, das entidades veciñais de Ancos e Anca, da Asociación Brosladeiras, do grupo Labores entre Puntos e Puntadas, do ximnasio Zanshin, da Asociación O Roxal, o supermercado Eroski e os organizadores da chocolatada solidaria de San Nicolás. Cara ao Entroido, o Concello xa está a organizar un novo reparto de alimentos. Esta nova iniciativa financiarase con cargo ao diñeiro recadado polas Amas de Casa na última edición do mercadiño solidario.