NEDA ABRE O PLAZO DE INSCRICIÓN PARA PARTICIPAR NO FESTIVAL DE ENTROIDO QUE SERÁ O DÍA 9 NO PAVILLÓN MUNICIPAL


Neda, 9 de xaneiro de 2018.- O Concello de Neda xa está a traballar nas celebracións de Entroido que encherán de xente e de vida as rúas e prazas públicas da vila e parroquias.
De feito, desde onte está aberto o prazo de inscrición para as comparsas e grupos que desexen tomar parte no festival que se celebrará o día 9 de febreiro no pavillón municipal. As agrupacións interesadas teñen de prazo ata o día 31 do presente mes para anotarse no rexistro xeral do Concello en horario de 9.00 a 14.30 horas.
Con respecto á pasada edición, a presente convocatoria trae como principal novidade o programa de animación polas rúas previo á celebración do festival, que dará comezo ás 20.30 horas. Ditas actuacións correrán a cargo das agrupacións que participen no mesmo e desexen facelo. Trátase dun acto voluntario pero valorado pola organización. De feito, as agrupacións que actúen recibirán 100 euros máis, ademais dos 250 euros que percibirán cada unha das comparsas e os 150 consignados para os grupos. Estas actuacións serán en horario comprendido entre as 18,00 e as 20,00 horas no lugar ou barrio que determine a organización (por sorteo) e coa finalidade de impulsar a animación e participación da veciñanza nas festas do Entroido.
O número máximo de comparsas participantes será de oito, segundo a orde de presentación de solicitudes no rexistro xeral do Concello de Neda, e de grupos serán ata tres, segundo o mesmo criterio. Enténdese por comparsa, o conxunto de persoas debidamente disfrazadas, en número non inferior a 15. Terán que ter unha unidade temática, tanto na súa vestimenta como na súa actuación. As letras das cancións terán que ser obrigatoriamente en galego e un dos temas a interpretar versará sobre Neda ou persoeiros da vila.
O grupo é un conxunto de persoas debidamente disfrazadas, en número non inferior a 10, que seguirá unha unidade temática na súa vestimenta e fará un pase de presentación no escenario instalado ó efecto, antes da actuación das comparsas.
No momento de formalizar a inscrición, farán constar o nome da comparsa ou grupo, número de persoas que o compoñen, a referencia da conta bancaria e nome, DNI, enderezo e teléfono do seu representante. Así mesmo unicamente as comparsas depositarán unha copia das cancións que interpretarán.
O Concello de Neda establece ata un máximo de tres galardóns que se concederán a aquelas comparsas participantes no festival que, conforme ao baremo que se fi xará nas bases, obteñan a maior puntuación entre as participantes.
As comparsas e grupos inscritos, realizarán a concentración ás 20,30 horas do día 9 de febreiro, na Avenida de Castelao (antiga Ctra. da Estación) para, a continuación, emprender o desfi le cara ao pavillón, e finalmente levarán a cabo a actuación pola que se outorgarán os galardóns. A actuación consistirá nun pase único, interpretando un máximo de dúas cancións e cunha duración máxima de oito minutos.