NEDA SÚMASE Á CAMPAÑA “EN NEGRO CONTRA A VIOLENCIA”, NA QUE XA PARTICIPAN 75 CONCELLOS E TRES DIPUTACIÓNS

Neda, 14 de novembro de 2017.- O Concello de Neda súmase este ano á campaña “En negro contra a violencia” promovida polo Concello de Santiago de Compostela e na que participan 75 administracións locais e tres provinciais. A firma do protocolo terá lugar mañá mércores no Pazo de Raxoi e o acto contará coa presenza do alcalde, Ángel Alvariño Saavedra. Trátase dunha iniciativa que busca sensibilizar ao conxunto da poboación contra os actos violentos que están a acabar coa vida de mulleres e nenos. Este ano, que aínda non rematou, xa foron asasinadas 44 mulleres e sete menores. O Concello de Neda participa distribuíndo carteis e material editado ao efecto entre os comerciantes e hostaleiros da localidade e instalando unha pancarta co lema da campaña na fachada da Casa Consistorial.
“Neda en negro” é o nome que adopta a iniciativa a nivel local e que se vén a sumar ao actos promovidos polo goberno municipal en torno á conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Este ano a convocatoria será o venres 24. Desde o Concello faise un chamamento á veciñanza para que participe de forma activa en todos os actos de concienciación previstos e a que non cesen no labor de denuncia, información e axuda ás vítimas, esixindo dotacións económicas para loitar contra a violencia de xénero e medidas eficaces de prevención, segundo puxo de manifesto a concelleira de Servizos Sociais, Igualdade, Facenda e Terceira Idade, Ana Rosa Pena Barcia.