O CONCELLO VOLVE RECIBIR CARTOS DO ESTADO E DA XUNTA PARA GARANTIR A REHABILITACIÓN DE VIVENDAS DO CASCO HISTÓRICO

Neda, 14 de setembro de 2017.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda acaba de notificar ao Concello de Neda a súa participación no programa de Rexeneración e Renovación Urbanas, o que vén de garantir un total de 48.894 euros de diñeiro público en axudas para a rehabilitación de vivendas situadas na Área de Rehabilitación Integral (ARI). Deses cartos case 35.000 euros serán financiados polo Ministerio de Fomento, mentres que a Xunta porá arredor de 14.000.


A cuantía da axuda concedida representa un 19% da inversión prevista, que podería chegar aos 255.000 euros no seu conxunto, segundo consta na memoria presentada á Xunta. A oficina técnica do Concello será, nesta ocasión, a encargada de tramitar, xestionar e asesorar aos veciños que desexen acollerse a este plan para levar a cabo obras de reforma ou de habitabilidade nas súas vivendas. As actuacións con cargo ao antedito financiamento poderán executarse e xustificarse ao longo do ano 2018.


O Concello de Neda foi un dos primeiros da contorna en apostar por investir na recuperación do patrimonio arquitectónico local. Coa aprobación desde último xa son oito os convenios que a administración nedense ten firmados coa Xunta e o Estado para acceder a unhas subvencións que axudaron a darlle un máis que evidente cambio estético ao conxunto histórico da vila. O ARI desenvólvese entre as rúas Real, Castro, San Nicolás e Santa María.
O goberno local, como xa viña adiantando, segue a apostar por darlle continuidade a unha colaboración que mellora tanto a calidade de vida dos veciños como garante a conservación do patrimonio. Desde o ano 2005 foron 60 as obras de rehabilitación acometidas en outros tantos edificios. No presente convenio contémplanse un máximo de oito máis.