O CONCELLO DE NEDA CONTRATA OBRAS DE ASFALTADO EN QUENTE EN MÁIS DE 4300 METROS LINEAIS DE CAMIÑOS DE ANCA

 Neda, 11 de setembro de 2017. O Concello de Neda acaba de contratar á empresa Cerne SL para intervir en 4.331 metros lineais de asfaltado na parroquia de Anca, unha actuación que o equipo de goberno valora porque representa substituír os actuais pavimentos a base de rego asfáltico por unha mistura bituminosa en quente de cinco centímetros de grosor.

A inversión contratada ascende a algo máis 87.700 euros, cantidade que será aportada entre a administracion local e a Deputación da Coruña. Os traballos darán comezo no cuarto trimestre do presente ano, segundo apuntan as previsións.

O proxecto inclúe actuacións nos camiños de Os Cobos-Corredoira (765 metros), Corredoi­ra-Vila de Anca (1.033 metros), Vila de Anca-AC-121 (770 metros), Vilar-Lobeira (440 metros), Fra­guela (95 metros), Fontevella-Pedrós (1.060 metros) e cemiterio de Anca (168 metros).

Con esta intervención, o executivo local pretende darlle unha solución case permanente no tempo á rede viaria dunha zona cun elevado grao de dispersión e tamén rebaixar os gastos de mantemento que se derivan das condicións actuais do firme.