Comeza a vacinación contra a covid entre as auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar de Neda

As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Neda están a recibir estes días a primeira dose da vacina contra o coronavirus. Unha medida que chega despois de que as auxiliares se sometesen a pasada fin de semana a un cribado realizado ao confirmarse 3 casos positivos na plantilla, integrada por 50 profesionais. Sen embargo, os resultados destas últimas probas foron todas negativas. Ademais, e para maior seguridade, o cribado estendeuse aos usuarios e usuarias do servizo de axuda no fogar co mesmo resultado: cero casos positivos a día de hoxe.
O Concello de Neda, aínda que coa necesaria prudencia, valora positivamente estes datos, e chama á veciñanza a non baixar a garda no municipio, con 19 casos confirmados a día de hoxe.