O Concello promove obradoiros nas escolas para favorecer o uso responsable das redes sociais e evitar o consumo de drogas

 O Concello vén de poñer en marcha, no marco do programa “Saúde na escola”, a iniciativa “Desenrédate!. Prevención de adicións e bo uso das TIC” (tecnoloxías de información e comunicación). Trátase dun proxecto, froito da colaboración cos veciños municipios de Fene e Mugardos, que se desenvolverá nos dous centro de educación primaria de Neda, co obxectivo de fomentar entre os nenos condutas responsables e saudables.

A iniciativa, que arrincou esta mañá no CEIP San Isidro e que mañá chegará ao Maciñeira, consistirá nunha serie de talleres dirixidos ao alumnado de quinto e sexto. Con eles buscarase, en primeiro lugar, fomentar as habilidades sociais dos rapaces e rapazas, e formalos para que saiban dos riscos asociados ás novas tecnoloxías, que teñen cambiado o seu estilo de vida e que, ademais de vantaxes. implican riscos que cómpre coñecer e saber previr.
 
Así, no que atinxe ás TIC`s, abordaranse durante as sesións a dependencia das redes sociais que teñen moitos moz@s, a adición aos videoxogos, e os perigos do xogo e das apostas en liña, un mundo que está a enganchar a moitos rapaces.
 
En paralelo, nos talleres, subvencionados pola Consellería de Sanidade, falarase dos mitos e realidades das bebidas enerxéticas e alcohólicas; e tamén dos que rodean ao tabaco e outras drogas. E, finalmente, traballaranse cos estudantes cuestións como a resolución axeitada de conflitos.
 
O programa "Desenrédate! Prevención adicións e bo uso das TIC" estará impartido por técnicos da Asociación Socio-Educativa para a Educación, e incluirá un total de catro sesións por grupo. No caso dos centros escolares nedenses desenvolverase de forma íntegra durante o mes de xaneiro e, dada a situación xerada pola covid-19, incluirá a modalidade en liña, para poder adaptarse ás medidas sanitarias vixentes.