O Concello financiará as altas e cuotas mensuais de Internet nos domicilios de estudantes con escasos recursos que acrediten a necesidade do servizo

 O Concello de Neda proponse que ningún estudante quede atrás nos estudos por falta de medios e, con ese obxectivo, vén de anunciar que financiará o acceso a Internet daquelas familias con escasos recursos.

Consciente do maior peso que están a xogar as novas tecnoloxías na educación especialmente a raíz da nova normalidade derivada da covid-19, e a dificultade de fogares para custear as conexións a Internet, a Administración local abrirá as axudas de emerxencia social a este recurso.

Así, adquirirá os equipos, xestionará coas compañías telefónicas as altas e sufragará os custes mensuais das conexións wifi. As axudas destinaranse ás familias que acrediten escasos recursos empadroadas en Neda e con fillos que estén cursando calquer nivel educativo, dende Educación Primaria ata estudos universitarios. Trátase de dar resposta a situacións cada vez máis habituais polas que se reducen as clases presenciais -na etapa universitaria-, cuarentenas por contactos directos con persoas afectadas de coronavirus, confinamentos por positivos ou mesmo posibles peches de aulas por casos deste tipo.
 
Deste xeito, as persoas que se atopen nesta situación deben contactar co departamento municipal de Servizos Sociais (con cita previa no 981 38 00 39 ou a través da web municipal), e a partir de entón a asistenta social valorará cada caso e realizará o informe pertinente para autorizar as axudas.