O Concello de Neda convida á veciñanza a coñecer as vantaxes da compostaxe doméstica

 O Concello de Neda arranca este venres 20 de novembro a campaña divulgativa que acompañará a implantación do programa de fomento da compostaxe doméstica. Un programa articulado para a participación de 125 veciños e veciñas que recibirán de forma completamente gratuíta os medios materiais para a elaboración de compost. Así, este venres, aqueles que estean interesados en coñecer máis polo miúdo o proxecto e solventar as súas dúbidas poderán achegarse á carpa informativa que o Concello instalará na explanada do Centro de Saúde en horario de 9,30 a 11,30 horas.

Ademais, e no marco da mesma campaña de difusión, ese día, pero de 12 a 14 horas, o CEIP de Maciñeira acollerá tamén unha carpa informativa onde mestres e escolares adquirirán as pautas precisas para a elaboración de compost a pequena escala.

Non serán as únicas accións de difusión, xa que nas próximas semanas organizaranse novas iniciativas neste sentido e avanzaranse prazos de inscrición no programa.
 
Coa posta en marcha desta iniciativa, ademais de permitir a reciclaxe dos residuos en orixe, reduciranse as cantidades de lixo a depositar nos contedores convencionais, cos conseguintes beneficios ambientais, económicos e sociais. En cuestión de cifras, co proxecto de compostaxe doméstica a implantar evitarase verter anualmente ao sistema aproximadamente 40 toneladas de biorresiduos (un 5% dos residuos orgánicos que se xeran) acadando unha redución de 0,20 toneladas anuais de CO2.
 
Concello e Xunta, a través do programa FEDER 2014-2020, cofinancian o proxecto.