Teatro do Atlántico trae este venres á Casa da Cultura de Neda “Dúas donas que bailan”

 O ciclo “Tempo para o teatro” que impulsa o Concello de Neda co apoio da Deputación da Coruña continuará este venres 20 de novembro no salón de actos da Casa da Cultura coa obra “Dúas donas que bailan”, da compañía Teatro do Atlántico. A representación desta traxicomedia dará comezo ás 20 horas e o aforo está moi limitado polas medidas de prevención fronte á covid-19 para ofrecer unha cultura segura. Así, as entradas, ao prezo único de 2 euros, poderán mercarse na Casa da Cultura a partir de mañá martes, en horario de 10 a 13 e de 16 a 20 horas.

 “Dúas donas que bailan”, obra escrita polo catalán Josep María Benet i Jornet,  xunta no escenario a María Barcala e María Ángeles Iglesias. A proposta, non exenta dun humor negro, fai un percorrido polas “duras paisaxes” que conforman a sociedade actual: a soidade na vellez, o Alzheimer, o desencontro xeracional, a especulación inmobiliaria…