A AECC traerá este luns a Neda os seus puntos de información no Día Mundial contra o Cancro de Mama

 O Concello de Neda conmemorará un ano máis da man da Asociación Española contra o Cancro (AECC) o Día Mundial contra o Cancro de Mama. Así, o balcón da casa consistorial xa loce dende hoxe a pancarta en sinal de apoio e compromiso na loita contra o cancro de mama.

Ademais, o vindeiro luns, 19 de outubro, Día Mundial, a AECC traerá ao municipio os seus puntos de información. Estarán na contorna da Casa das Palmeiras e do Eroski en horario de 11 a 13 horas. Alí, informarán á cidadanía sobre esta doenza e o labor que a asociación realiza no seu día a día, e a veciñanza poderá contribuir a esa actividade mercando material solidario rosa, como mascarillas.

Accións todas elas coas que dar visibilidade ao cancro de mama, o tumor máis frecuente entre as mulleres, xa que se estima que ao longo da súa vida 1 de cada 8 sufrirán esta doenza.