Special Olympics Galicia prepárase para realizar o Camiño Inglés cubrindo este venres o treito entre Neda e Cabanas

 Special Olympics Galicia levará a cabo este venres a actividade “Carlota prepara o camiño”, a través da cal unhas 10 persoas con discapacidade intelectual, voluntarios, adestradores e persoal da asociación realizarán parte da primeira etapa do Camiño Inglés. Cubrirán a distancia que separa Neda do campo de fútbol de A Veiga, en Cabanas.

¿Hora e punto de partida? As 10,30 horas na igrexa de San Nicolás de Neda. O Concello quere apoiar esta iniciativa e sumarase á andaina.

“Carlota prepara o camiño” busca a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual a través da ruta xacobea. Así, por medio deste proxecto, a asociación preparará fisicamente aos seus usuarios, voluntarios e equipos cubrindo diferentes etapas do camiño co ánimo de realizalo ao completo o vindeiro Ano Santo.
 
Sobre Special Olympics Galicia
É unha asociación de pais, profesionais e amigos de persoas con discapacidade intelectual que traballa para promover a súa inclusión social a través do deporte, o ocio, a cultura e o voluntariado.