Novas


A Xunta levanta a prohibición de plantar pataca en Neda

 Os veciños e veciñas de Neda xa poden volver a plantar patacas no municipio. A Xunta publicaba hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se levanta a prohibición en nove concellos da Coruña e Lugo, entre eles o noso, afectados pola couza guatemalteca. A medida anunciárase previamente na comisión de seguimento desta doenza e faise agora efectiva.

Para realizar a plantación é preciso unha comunicación á Xunta e, dada a situación actual, coas restricións á mobilidade impostas pola covid-19 e a imposibilidade de desprazarse ao edificio administrativo en Ferrol, o Concello de Neda encargarase da tramitación. Así, adicará un traballador a asesorar á veciñanza á hora de cubrir os impresos necesarios. Para isto, é preciso solicitar cita previa no 981 38 00 39 ou no móbil 679 423 884.

Ao non terse rexistrado ningunha captura nos dous últimos anos, Neda deixa así de ser considerada zona infestada pola couza e pasa a englobarse na demarcada como zona tampón.
 
Deste xeito, permítese plantar pataca pero farase un seguimento exhaustivo das plantacións por parte da Consellería do Medio Rural, que manterá as demais medidas de control e vixilancia previstas na lexislación co obxectivo último de controlar a expansión da couza. Os agricultores de todas as zonas tampón declaradas en Galicia deberán comunicar inmediatamente despois da sementeira e, en todo caso, antes do 1 de abril, todas as parcelas cultivadas con pataca.


O Concello tomará todas as medidas no marco das súas competencias para evitar o peche da oficina do Banco Santander en Neda

 O alcalde de Neda, Angel Alvariño, requeriu á Dirección Territorial en Galicia do Banco Santander o mantemento da oficina no municipio. Con data de onte, enviou unha misiva na que insta á entidade financiera a reconsiderar o peche, do que tivo coñecemento o Concello xunto con outros anunciados en diferentes puntos da Comunidade. Un asunto que esta mañá o alcalde abordou co resto de grupos municipais fóra do orde do día do pleno extraordinario celebrado na consistorial, acordando a convocatoria dunha xunta de portavoces ex profeso para tratar en profundidade as medidas que se tomarán no marco das competencias municipais.

No seu escrito, o rexidor apunta que co peche Neda queda desatendido, derivando nun grave problema para os seus veciños e veciñas acentuado, se cabe máis, pola avanzada idade media da poboación, que precisa dunha atención cercana e persoal.

Sostén que son momentos difíciles para todos, dos que non se libran as entidades bancarias, pero afirma tamén que, no exercicio responsable do seu cargo, desplegará cantos esforzos estean ao seu alcance para que reconsideren a súa decisión e se manteña aberta ao público a oficina en Neda.


Últimos días para sumarse ao programa municipal de compostaxe caseiro

 Os veciños e veciñas interesados/as en sumarse ao programa municipal de compostaxe caseiro poden formalizar a súa inscrición na casa consistorial ou no teléfono 981 38 00 39. O Concello de Neda lembra que o prazo para anotarse conclúe este venres 15 de xaneiro.

A través da iniciativa, a veciñanza recibirá os medios materiais necesarios de forma completamente gratuíta, así como asesoramento durante todo o proceso.

Tal e como explicou a Administración local, o obxectivo do programa é lograr reducir nun 5% os residuos orgánicos que van directamente ao colector verde, cunha reducción de 0,20 toneladas anuais de CO2.
 
O programa municipal de compostaxe caseira conta cun investimento de 18.140,96 euros, dos que o 70% dos fondos son aportados pola Consellería de Medio Ambiente a través dunha subvención FEDER 2014-2020. Está pensado para a participación inicial de 125 veciños e veciñas, aínda que no caso de constatarse maior demanda o Concello xa avanzou que asumirá o custe dos recursos necesarios sempre que se cumpran os requisitos establecidos.
 
Deste modo, o proxecto buscará capacitar á poboación para a transformación de materia orgánica en compost; mellorar a eficacia da recollida selectiva mediante a separación previa da materia orgánica; reducir o volume de residuos que debe recoller o ente municipal, tanto os de xardín como os domésticos; concienciar á poboación sobre o papel que xoga a compostaxe na xestión dos residuos orgánicos, e aproveitar esta actuación como punto de partida para outros programas de educación ambiental.


O Concello promove obradoiros nas escolas para favorecer o uso responsable das redes sociais e evitar o consumo de drogas

 O Concello vén de poñer en marcha, no marco do programa “Saúde na escola”, a iniciativa “Desenrédate!. Prevención de adicións e bo uso das TIC” (tecnoloxías de información e comunicación). Trátase dun proxecto, froito da colaboración cos veciños municipios de Fene e Mugardos, que se desenvolverá nos dous centro de educación primaria de Neda, co obxectivo de fomentar entre os nenos condutas responsables e saudables.

A iniciativa, que arrincou esta mañá no CEIP San Isidro e que mañá chegará ao Maciñeira, consistirá nunha serie de talleres dirixidos ao alumnado de quinto e sexto. Con eles buscarase, en primeiro lugar, fomentar as habilidades sociais dos rapaces e rapazas, e formalos para que saiban dos riscos asociados ás novas tecnoloxías, que teñen cambiado o seu estilo de vida e que, ademais de vantaxes. implican riscos que cómpre coñecer e saber previr.
 
Así, no que atinxe ás TIC`s, abordaranse durante as sesións a dependencia das redes sociais que teñen moitos moz@s, a adición aos videoxogos, e os perigos do xogo e das apostas en liña, un mundo que está a enganchar a moitos rapaces.
 
En paralelo, nos talleres, subvencionados pola Consellería de Sanidade, falarase dos mitos e realidades das bebidas enerxéticas e alcohólicas; e tamén dos que rodean ao tabaco e outras drogas. E, finalmente, traballaranse cos estudantes cuestións como a resolución axeitada de conflitos.
 
O programa "Desenrédate! Prevención adicións e bo uso das TIC" estará impartido por técnicos da Asociación Socio-Educativa para a Educación, e incluirá un total de catro sesións por grupo. No caso dos centros escolares nedenses desenvolverase de forma íntegra durante o mes de xaneiro e, dada a situación xerada pola covid-19, incluirá a modalidade en liña, para poder adaptarse ás medidas sanitarias vixentes.


Neda súmase ao Pacto de alcaldes para a loita contra o cambio climático

O Concello de Neda aprobou sumarse ao Pacto de alcaldes polo clima, que agrupa xa a miles de municipios, que asumen o reto de traballar para reducir as emisións de dióxido de carbono á atmosfera. Un compromiso en clave ecolóxica, que o goberno municipal deberá plasmar nun plan de acción no prazo máximo de dous anos.

O pleno da corporación local daba, na súa última reunión, luz verde á incorporación da localidade ao pacto ambiental, facendo súa a aposta da UE de rebaixar un 40% as emisións de dióxido de carbono de aquí ao ano 2030. Un obxectivo para o que, como apuntan desde o executivo local, resultarán cruciais tanto o aumento da eficiencia enerxética e dun maior uso das enerxías renovables.
 
A adhesión a este acordo permitirá ao concello optar a axudas autonómicas para a elaboración do plan de acción para o clima e a enerxía sostible- ferramenta obrigatoria-, ademais de fixar as medidas previstas para reducir e limitar as emisións de gases de efecto invernadoiro e un inventario de referencia de emisións para facer un seguimento de efectividade.
 
A medida supón un paso adiante nas políticas municipais en materia de medio ambiente e transición ecolóxica. Entre as medidas adoptadas nos últimos tempos, cabe apuntar a extensión da iluminación led, máis eficiente, en parte importante da iluminación pública municipal e, proximamente, a posta en marcha efectiva do plan municipal de compostaxe doméstica. 

<<  Anterior | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | Seguinte  >> 



Axenda

<<  Previous  | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | Next  >> 

Tramites online