Novas


ESTE VENRES FINALIZA MISIÓN: NEDA!

Neda, 25 de abril de 2019.- Quedan escasos dous días para que o proxecto cultural e educativo Misión: Neda! chegue ao seu remate. Este venres vence o prazo para que a rapazada e as súas familias verifiquen nos colexios ou na Biblioteca Municipal a resolución do enigma final, para o que foi necesario achegarse a 22 lugares relacionados co patrimonio e a historia do concello. Quen complete correctamente a misteriosa frase poderá entrar no sorteo público de catro táblets que terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura o próximo martes, día 30 de abril, a partir das 19.30 horas.
Misión: Neda! botou a andar o pasado 15 de marzo como un programa a medio camiño entre o lecer e o descubrimento do territorio co obxectivo, precisamente, de poñer en valor os recursos e maila historia do concello. Toda unha riqueza aínda descoñecida para boa parte da poboación que a área de Educación, Cultura, Patrimonio e Turismo propuxo coñecer a través dunha especie de busca do tesouro pensada para facer en familia.
No último mes e medio foron entregándose na Biblioteca Municipal e nos colexios de San Isidro e Maciñeira tres cadernos que abordan distintas épocas da historia de Neda, desde o Neolítico até a actualidade, ilustradas con fotografías e descricións dos principais elementos patrimoniais. Neles tamén se incluíron tres mapas coa situación das letras que compoñen o misterioso enigma final.
Todos os contidos publicáronse simultaneamente na web do proxecto (www.misionneda. gal) coa axuda de máis imaxes, información ampliada e planos de Google Maps para facilitar a localización de letras e patrimonio desde dispositivos móbiles.
No proxecto implicáronse case 200 rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos coa axuda dos seus pais e nais. Este venres será o último día para que verifiquen nos centros de ensino ou na biblioteca pública a correcta resolución da frase de 22 letras que deberon ir compoñendo nas últimas semanas visitando outros tantos lugares do municipio, como por exemplo o Pazo da Mercé, a Fábrica da Luz do Belelle, o Muíño do Cubo, o muíño da Pólvora das Edradas, os miradoiros do Monte de Ancos e do Belelle, as igrexas máis antigas, a Casa do Concello, a rúa Real... ou incluso a Casa do Galo -na Mourela do Medio-, de onde partiu no século XIX o avó do afamado director de cine estadounidense George A. Romero.
Tal e como comenta a concelleira Cristina Bouza “moita xente coméntanos que a raíz deste proxecto visitou sitios do concello onde nunca estivera e que nin sequera sabía que existían. Esa era a nosa idea, que a veciñanza de Neda e de fóra de Neda coñecese o noso territorio dunha forma novidosa e moi entretida”.
Bouza engade que o desenvolvemento de Misión: Neda! tamén serviu para deseñar “unha valiosa colección didáctica e unha web que nos contan dun xeito moi ameno 5.000 anos da nosa historia, encadrando nela os elementos que nos foron quedando de cada momento. Algúns deles, como os petroglifos da Rabadeña, eran coñecidos en ámbitos académicos e especializados.
Agora, a través de Misión: Neda!, chegan a un público moito máis amplo”. Neste sentido, a concelleira agradeceu a colaboración do estudoso da historia local e exbibliotecario Manuel Pérez Grueiro “quen achegou a maior parte da documentación que logo se condensou nos cadernos”.
Unha busca que terá premio o martes 30
Todas as familias que completen correctamente a frase final de Misión: Neda! poderán gañar unha das catro táblets que sorteará o Concello. Para iso, os nenos e nenas deberán cubrir o correspondente formulario co enigma resolto e os seus datos persoais, incluída a autorización parental para entrar no sorteo. A verificación e a entrega das follas de participación poden facerse nos colexios de San Isidro e Maciñeira ou ben na Biblioteca Municipal.
O sorteo e maila entrega das táblets terán lugar o martes 30 a partir das 19.30 horas no auditorio da Casa da Cultura, seguida dun espectáculo sorpresa para público familiar.



EN NEDA A FESTA DOS MAIOS SERÁ O VENRES DÍA 3

Neda, 23 de abril de 2019.- O goberno de Neda organiza para el día 3 de maio a Festa dos Maios, unha celebración popular que terá lugar no recinto de Albarón e que se desenvolverá en horario de mañá e tarde.
Recitais de poesía e obradoiros infantís forman parte, entre outras actividades, dunha programación na que participarán moi activamente o alumnado dos colexios Maciñeira e San Isidro e mesmo as asociacións Ancos, A Canteira e O Puntal. As entidades que desexen apuntarse teñen de prazo ata o día 30 deste mes para inscribirse na Casa da Cultura.
A organización premiará ás tres mellores composicións florais e informa ademais de que tamén haberá unha exhibición de zumba, a cargo sas alumnas da AVV Ancos, e, unha actuación musical que, correrá a cargo do dúo Eva e Camilo, a partir das oito da tarde.
O goberno municipal invita ao conxunto da poboación local e de maneira especial ás entidades locais a tomar parte nunha actividade con la que se conmemora o renacer cíclico do mundo vexetal con flores, coplas e música tradicional e festeira.



NEDA ENTREGOU OS PREMIOS DO PRIMEIRO CONCURSO “DEBUXA E PINTA O TEU PERSONAXE FAVORITO”

Neda, 17 de abril de 2019.- Xandre Dopico Martínez (4 anos), Brais Martínez Monteagudo (8 anos) e Lucía González Gandoy (10 anos) son os nomes dos tres gañadores do primeiro concurso “Debuxa e pinta o teu personaxe favorito” organizado polo Concello de Neda con motivo do día adicado ao libro infantil (2 de abril).
Un total de trinta escolares dos colexios Maciñeira e San Isidro tomaron parte nunha convocatoria cuxo obxectivo era fomentar a lectura entre os nenos e nenas do municipio con idades comprendidas entre os 4 e 12 anos.
O xurado, formado por Cristina Bouza Bellón (concelleira de Cultura), Cristina Gómez Martínez (bibliotecaria) e Carla Villaamil Abad (profesora de debuxo e pintura do grupo infantil da Asociación de Amigos das Artes As Palmeiras) valorou a orixinalidade do debuxo e mesmo dos textos. Tratábase de crear e de debuxar un personaxe literario favorito, xa fose animal, persoa ou heroe acompañado dun pequeno texto no que se tiña que explicar o porqué da elección.
Os premios consistiron en vales, por importe de 60 euros, para canxear na librería Galicia. O acto de entrega, que estivo presidido pola titular de Cultura, Cristina Bouza Bellón, tivo lugar o pasado venres na biblioteca municipal.



JOSEPH CONRAD É O AUTOR DAS XVII XORNADAS LITERARIAS QUE SERÁN OS DÍAS 25 E 26 DESTE MES

Neda, 17 de abril de 2019.- O Concello de Neda organiza para os días 25 e 26 a edición número dezasete das súas a Xornadas Literarias, unha iniciativa coa que se pretende achegar aos lectores a obra dos grandes autores a través da opinión e os coñecementos dos expertos. Este ano será a figura e a produción literaria de Joseph Conrad a que se someterá á consideración de cualificadas voces.
A Casa das Palmeiras acollerá o desenvolvemento das catro conferencias incluídas na programación, para a que a administración local conta coa colaboración da Universidade da Coruña, a través da Facultade de Humanidades de Ferrol. A actividade dará comezo ás 20.00 horas do próximo xoves coa intervención do club de lectura “A Pantasma de Papel” do IES Fernando Esquío baixo a dirección de Loles Paris. A continuación, a catedrática e directora do departamento de Filoloxía Inglesa e profesora titular de Filoloxía Inglesa da Universidade da Coruña, María Jesús Lorenzo Modia, pronunciará a conferencia “A recepción de Conrad no século XXI”. Dúas novas citas terán lugar na xornada do venres 26. Neste caso, o escritor e crítico literario Sergi Bellver falará dos “Tres exilios de Joseph Conrad”, mentres que Xosé Manuel Outeiriño, doutor e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación, ademais de poeta, ensaísta e tradutor, farao do “Escepticismo e crítica social en Joseph Conrad”.
Esta programación tamén dará comezo ás 20.00 horas e será nas instalacións da Casa das Palmeiras. Trátase dunha actividade aberta a todas as persoas, como tamén para as que son amantes da literatura en xeral ou para as que simplemente queren ter contacto co mundo a cultura a través do análise que os expertos fan deste recoñecido escritor. Os interesados tamén poden garantir a súa asistencia apuntándose por adiantado no teléfono da Casa da Cultura (981 390 233) ou ben a través do correo (cultura@neda.es).


NEDA IMPULSA A PRIMEIRA SINALIZACIÓN PATRIMONIAL DO CASCO HISTÓRICO DA VILA

Neda, 10 de abril de 2019.- O goberno de Neda acomete por primeira vez a sinalización do casco histórico da vila. Un total de 20 elementos, entre sinais, paneis e placas, advertirán a turistas, peregrinos e mesmo veciños das riquezas patrimoniais da localidade. Materiais como o aceiro e o aluminio garantirán a permanencia no tempo dunhas estruturas de liñas simples e con textos escritos en galego, castelán e inglés acompañados dunha imaxe do elemento do que se trate.
Entre outros, prevese a instalación de sinais informativas na igrexa e praza de Santa María, no cruceiro e fonte da Cruz, na torre do Reloxo, na igrexa e cruceiro de San Nicolás, na Casa das Palmeiras e casa e praza Rectoral.
O proxecto tamén inclúe a colocación de dous paneis de grandes dimensións para aqueles visitantes que accedan ao municipio a través da ponte de Xuvia. En cada sentido, os viaxeiros atoparanse cun saúdo de benvida escrito en máis de vinte idiomas, con información relativa aos quilómetros e etapas do Camiño Inglés e cun mapa do casco histórico para que se acheguen a el.
A sinalización completarase coa instalación dunha placa de bronce suxeita ao chan para advertir da presenza do cano medieval, construído no século XII, que aínda se conserva, así como outra estrutura de similares características, pero esta feita en metacrilato, para transmitir información respecto ás casas con soportais tan características da vila de Neda.
O orzamento para levar adiante a iniciativa, aprobada recentemente en Xunta de Goberno, ascende a 14.600 euros. A idea do executivo pasa por buscar financiamento coa fin de rebaixar o importe da obra. Nesta dirección hai que situar o encontro que tivo lugar esta semana entre o deputado Xosé Regueira, responsable de Patrimonio Histórico da Deputación da Coruña, e a concelleira de Cultura e Turismo, Cristina Bouza Bellón. Esta destacou a boa sintonía que atopou no representante provincial tanto polas características como pola importancia do proxecto.
Ofrecer información de interese cultural, dar unha visión de conxunto á riqueza patrimonial do casco histórico e orientar aos visitantes cara os principais recursos están entre os obxectivos que o goberno de Neda trata de conseguir coa realización da primeira sinalización do casco histórico.


<<  Anterior | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | Seguinte  >>