Novas


O MERCADO SOLIDARIO DE NADAL DAS AMAS DE CASA ESTARÁ ABERTO DO 6 AO 9 NA CASA DAS PALMEIRAS

Neda, 5 de Decembro de 2018.- Un ano máis a Casa das Palmeiras de Neda volve abrir as súas portas á solidariedade da man da Asociación Amas de Casa local que, grazas á colaboración das súas socias, porá á venda máis de 150 artigos diferentes nunha nova edición do Mercado Solidario de Nadal. Esta iniciativa estará operativa do día 6 ao 9 desde mes nas devanditas instalacións municipais en horario de 10.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas. O Mercado Solidario abre a posibilidade de colaborar co Concello nas axudas que reparte entre familias en risco de exclusión social mediante a compra de mandís, roupa de bebé, debuxos, bolsas do pan, ademais de tea e fíos para labores de bordado e gancho. Os prezos son moi razoables, “xa que se trata de vender o maior número de artigos posibles”, segundo se apunta desde a entidade, desde onde tamén se valora de xeito moi especial o traballo que veñen realizando as socias desde o pasado mes de outubro para contribuír co maior número de obxectos e roupa ao éxito da presente edición do mercado. A día de hoxe a Asociación Amas de Casa de Neda conta con máis de 80 socias e está dirixida por Rosario Doval. María Xosé Abrogues está ao fronte da tesourería.



NEDA COMEZARÁ A ENTREGAR ESTA SEMANA OS LOTES DE NADAL ÁS 48 FAMILIAS EN RISCO DE EXCLUSIÓN SOCIAL

Neda, 4 de Decembro de 2018.- Un total de 48 familias de Neda en risco de exclusión recibirán mañá mércores e o próximo día 22 os lotes de alimentos cos que o goberno municipal quere que o espíritu do Nadal chegue a todos os fogares do termo municipal. Leite, garavanzos, fabas, galletas, tomate frito, melocotón en conserva, latas de atún, aceite de oliva, pasta e feixóns son os produtos que as familias recibirán esta mesma semana como froito da colaboración que o Concello mantén co bando de alimentos da Cruz Vermella.

A administración local tamén conta coa xenerosidade da veciñanza, que se materializa a través de distintas entidades locais, e mesmo con fondos propios para levar a cabo un segundo repartimento. Nesta ocasión, trátase de productos frescos. Así cada familia podrá incorporar á súa despensa un lacón, unha tira de touciño e outra de costela, catro chourizos, ademais de tabletas de chocolate, un quilo de azucre e outro de doces, cinco litros de aceite de xirasol, unha bolsa de cacahuetes, un salchichón e unha lata de pementos. O Concello tamén entregará vales, por importe de 100 euros, a familias con menores de doce anos ao seu cargo para que eles, ao igual que o resto dos nenos da localidade, tamén poidan celebrar a visita dos Reis Magos. O importe da axuda terá que se investir na tenda Din Don de Xuvia, na que se poderán mercar desde xoguetes ata libros ou material deportivo. Servizos Sociais estima que se repartirán unhas dez axudas.



AMELIA DE QUEROL PRESENTARÁ O SÁBADO O POEMARIO “SOÑAR TU NOMBRE” NA CASA DAS PALMEIRAS

Neda, 28 de Novembro de 2018.- O mes de decembro comeza en Neda cun recital de poesía a cargo de Amelia de Querol Orozco, que presentará o seu último poemario “Soñar tu nombre”. Será o próximo sábado, día 1, ás 19.30 na Casa das Palmeiras.

 

Trátase dun conxunto de medio cento de poemas libres e de temática romántica, “pero nunca demasiado emotivos”, tal e como apuntou a poeta nada en Ferrol pero residente en Narón. Amelia de Querol Orozco tamén é a autora do libro de poesía “En los arrabales del alma”, publicado no ano 2014 e de temática social. De Querol dí que a súa poesía é moderna pero cun manifesto sabor clásico polo seu especial interese en coidar moito as formas e a linguaxe.

A autora de “Soñar tu nombre” pertence á Asociación Cultural Mesturas e ao grupo de Teatro “Argallando Teatro”, vinculado á devandita entidade.



O PLENO APROBOU O POS+2019, QUE DEIXARÁ MÁIS DE 184.000 EUROS EN NOVOS AGLOMERADOS

Neda, 26 de Novembro de 2018.- O pleno da corporación municipal vén de aprobar o POS+2019, que dará lugar á realización de obras de agomerado en catro novas vías de comunicación e que supón un investimento superior aos 184.000 euros no seu conxunto. A aportación municipal é de 20.790 euros. Os proxectos, para os que o Concello xa ten as autorizacións de Patrimonio, Estradas e Augas da Xunta de Galicia, son pavimentacións en Coto e baixadas ao paseo marítimo (30.000 euros), así como en Transmonte (58.000 euros), na zona entre os ríos Besteiro e Belelle (35.000 euros) e na subida Fontevella-Edradas-Gandarela, orzamentada esta última en algo máis de 61.000 euros. O executivo municipal considera probable que estas novas intervencións en materia de infraestruturas estean en proceso de licitación nos meses de febreiro ou marzo e destaca a importancia de contar co permiso da administración autonómica para axilizar a realización dos proxectos. O pleno celebrado hoxe tamén sirviu para aprobar unha declaración institucional en apoio aos traballadores do PAC de Narón e as mocións presentadas polo BNG demandando unha solución ao anunciado peche de Alcoa e sobre o sector eléctrico, así como a iniciativa de Moveneda solicitando o apoio do pleno a Xesús López Pintos e rexeitando a aplicación da chamada “lei mordaza”.



Bases reguladoras do proceso selectivo para a contratación laboral temporal de 2 Albaneis Oficiais de 1ª, por acumulación de tarefas do persoal de mantemento. Publicado en BOP 27 de Novembro.


<<  Anterior | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | Seguinte  >>