Novas


Bases festival de comparsas



MARÍA JESÚS MILLARENGO PRESENTA ESTE VENRES (DÍA 25) OS SEUS MÁIS RECENTES TRABALLOS LITERARIOS

Neda, 22 de Xaneiro de 2019.- A Casa das Palmeiras de Neda acollerá este venres (día 25) a presentación dos últimos traballos literarios de María Jesús Millarengo, unha veciña do municipio que, tras a xubilación, imparte clases gratuítas de inglés e participa activamente no mundo cultural a través da Asociación Narón Amigos del Arte (Narart).
“Unha latiña pequena de pementos morrós...coloradiños...” e “A nena que soñaba con ser pintora” son os títulos das publicacións que se darán a coñecer no transcurso dun acto que dará comezo ás 20.00 horas e no que participarán, ademais da autora, o alcalde de Neda, Ángel Alvariño Saavedra; a concelleira de Cultura, Cristina Bouza Bellón, e a presidenta provincial das Amas de Casa, Rosa Otero. A cita cultural concluirá coa actuación de Carme Romero e Francisco Pérez Porto. María Jesús Millarengo, exerceu o labor docente en distintos colexios como profesora de inglés, dirixiu o periódico escolar de Cristo Rey, publicou varios traballos no xornal Diario de Ferrol e foi premiada polo Concello de Arbo por un estudio realizado sobre a lamprea.



NEDA INVISTE UNS 6.000 EUROS NOS PARQUES BIOSAUDABLES PARA FOMENTAR A ACTIVIDADE FÍSICA

Neda, 18 de Xaneiro de 2019.- O Concello de Neda fomenta a vida saudable entre a veciñanza poñendo ao seu alcance aquelas infraestruturas que contribúan á realización de exercicio físico. Este é o caso dos parques biosaudables que, situados nas parroquias de Anca e Viladonelle, nas inmediacións da piscina e na zona do paseo marítimo, acaban de ser sometidos a un plan de mellora para garantir a súa conservación e optimizar o seu funcionamento. A reparación de elementos deteriorados, a substitución dos que se atopaban en peores condicións e mesmo o pintado dos xogos son algunhas das obras financiadas polo Concello e executadas pola empresa Protasio, de Fene. O investimento superou os 6.000 euros. As obras remataron hai uns días. Desde o goberno municipal de Neda se demanda agora dos veciños e usuarios que sexan responsables á hora de facer un uso adecuado duns equipos que, ademais de estar ao aire libre, non requiren dun especial esforzo para exercitar pernas e brazos.
Estas actuacións coinciden ademais coa contratación, por parte do Concello, das obras de instalación de chan de caucho nos parques infantiles de Albarón e Santa María, unha intervención que posteriormente tamén se levará a cabo nos de San Isidro, Principiño e Xuvia. Os traballos agora contratados correrán a cargo da empresa Saavedra e López e foron adxudicados pola cantidade de 30.000 euros.



O CONCELLO PRESENTA O VENRES O NÚMERO 18 DA REVISTA “DENEDA”

Neda, 16 de Xaneiro de 2019.- A Casa da Cultura de Neda acollerá este venres, día 18, a presentación da revista “deNEDA”. Trátase do anuario cultural do municipio que, editado polo Concello, chega con este último número a un total de 18 publicacións.
O acto dará comezo ás 20.30 horas e no mesmo tomarán parte o catedrático e exdecano da Facultade de Humanidades do Campus de Ferrol, José Luis Tasset Carmona; o alcalde, Ángel Alvariño Saavedra; a concelleira de Cultura, Cristina Bouza Bellón, e o director da publicación, Manuel Grueiro.
Desde o goberno municipal invítase á veciñanza a secundar coa súa asistencia unha iniciativa municipal que sirve para coñecer tanto a historia local como os seus personaxes máis relevantes da man de colaboradores como Vicente Araguas, Fernando Cendán, Ánxel Rial, Elisa Vázquez de Gey, Sara Sequeiro e Manuela Santalla.
Na revista que se presenta o venres están recollidos, entre outros, artigos sobre a revolta popular do ano 1918, as lendas de Neda, a cerámica de Manuel Laso, as historias do Hispano-Argentino e as biografías do médico Malde Lapique e as de Manuel Rodeiro e Andrés Perille, dous nedenses de deixaron a súa impronta no municipio. O primeiro porque estivo exiliado en Moscú e o segundo por inventor e empresario de “mil negocios”.

O acto concluirá coa actuación do grupo "Encrucillada".



O CONCELLO ANIMA AOS MAIORES E PENSIONISTAS A PARTICIPAR NO PROGRAMA DE TERMALISMO DO IMSERSO

Neda, 15 de Xaneiro de 2019.- O goberno de Neda invita aos veciños e veciñas de máis idade a participar no programa de Termalismo Social do Imserso. Son estancias en balnearios dirixidas a pensionistas do Sistema da Seguridade Social polos conceptos de xubilación e incapacidade permanente así como a pensionistas por outros criterios ou perceptores de prestacións ou subsisdios de desemprego, que teñan cumpridos os 60 anos, e pensionistas pola condición viuvez que teñan máis de 55.
O programa está aberto así mesmo á participación dos cónxuxes ou parellas de feito sen necesidade de que estes reúnan os requisitos de idade ou pensión. As esixencias tamén pasan por valerse por se mesmo para as actividades da vida diaria e por non padecer alteracións de comportamento que impidan a convivencia nun centro residencial nin enfermidade infecto contaxiosa.
As persoas interesadas en tomar parte na primeira quenda, que inclúe de febreiro a agosto, dispoñen ata o día 16 de maio para solicitar a inclusión nunha lista de espera, mentres que se optan por viaxar entre os meses de setembro e decembro o prazo para apuntarse aínda remata o día 17 de maio.
A adxudicación das prazas realizarase de acordo coa puntuación obtida polos expedientes, tendo en conta os balnearios e quendas solicitadas. Para máis información ou inscribirse, os interesados deben dirixirse ao departamento de Servizos Sociais.
A participación no programa do Imserso inclúe aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en habitacións dobres de uso compartido, ademais de tratamentos termais básicos, a realización de actividades de animación e unha póliza colectiva de seguro turístico.


<<  Anterior  | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | Seguinte  >>