Novas


Últimos días para sumarse á videoconferencia cos Reis Magos organizada polo Concello

 Convidados polo Concello de Neda, as súas Maxestades os Reis Magos de Oriente manterán un encontro virtual cos nenos e nenas de Neda que desexen trasladarlles os seus desexos e peticións. Será grazas a unha videoconferencia, a través da plataforma dixital ZOOM. Iso si, para participar, as familias deben anotar aos menores previamente e mañá mércores é o último día do prazo aberto. Para iso cómpre que envíen unha mensaxe de WhatsApp ao 650484521 ou a cultura@neda.gal cos datos do menor que vaia participar (nome, apelidos, enderezo e idade) e un correo electrónico para enviar a ligazón para que poida conectarse o día da xuntanza virtual. A maiores, terán que enviar a autorización de participación, que pode descargarse na web municipal (http://www.neda.es/opencms/export/system/modules/es.neda/resources/galeria_archivos/Datos_proteccixn_menores_e_autorizacixn_CONECTA_COS_REIS_MAGOS.pdf ).

Así, o luns 4 de xaneiro, “Conéctate cos Reis Magos” ofrecerá aos máis pequenos da casa unha nova ocasión de saudar e conversar coas SS.MM. e transmitirlles, se non o fixeron xa por carta, os seus desexos.



A unidade móbil de doazón de sangue trasladarase este mércores a Neda

 Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Sangue trasladarase este mércores, 30 de decembro, ao Concello de Neda. Permanecerá diante da Casa da Cultura entre as 15,30 e as 21 horas.



Os Reis Magos de Oriente estarán por videoconferencia cos nenos e nenas de Neda

 Tras a visita aos colexios de Neda, os nenos da localidade terán unha oportunidade extra antes do 6 de xaneiro de “estar”, aínda que sexa de maneira virtual, coas súas Maxestades os Reis Magos de Oriente. Será grazas a unha videoconferencia, a través da plataforma dixital ZOOM, na que poderán lembrarlles as súas peticións. Para participar, as familias deberán anotar aos menores previamente.

Os pequenos nedenses terán este ano máis ocasións que nunca de asegurarse de que Melchor, Gaspar e Baltasar acertan cos agasallos que lles solicitaron. Así, “Conecta cos Reis Magos” brindaralles a tarde do 4 de xaneiro, unha nova ocasión de saudar e conversar coas SS.MM. e transmitirlles, se non o fixeron xa por carta, os seus desexos.
 
As nais e pais que queiran que os seus fill@ s se sumen ao encontro en ZOOM deberán inscribilos entre o 26 e o 30 de decembro. Para iso cómpre que envíen unha mensaxe de WhatsApp ao 650484521 ou a cultura@neda.gal cos datos do menor que vaia participar (nome, apelidos, enderezo e idade) e un correo electrónico para enviar a ligazón para que poida conectarse o día da xuntanza virtual. A maiores, terán que enviar a autorización de participación, que poderá descargarse na web municipal.
 
Finalmente, hai que apuntar que os pequen@s que non asistan ao encontro teñen á súa disposición na entrada da Casa dá Cultura a caixa de correos real no que poderán entregar as súas misivas aos Reis Magos ata o día 5 de xaneiro.
 


O Concello de Neda busca reforzar a conservación das pistas forestais a través da modificación da ordenanza reguladora

 A corporación municipal de Neda aprobou inicialmente a modificación da ordenanza reguladora das actividades extractivas de madeira nos montes e espazos forestais do termo municipal. O obxectivo é reforzar e garantir a conservación das pistas forestais fronte á actividade extractiva. E, neste punto da orde do día da sesión celebrada a semana pasada, todos os grupos deron o seu si. Así mesmo, e con anterioridade, o Concello sometía a consulta pública os cambios, sen recibir ningunha alegación. Con todo, o documento aprobado no último pleno publicarase no boletín oficial pasando a un periodo de exposición pública.

A grandes rasgos, os cambios introducen a obriga de presentar a comunicación previa como mínimo con 10 días hábiles de antelación e cos datos e a documentación completa, incluída a fianza depositada. Tamén, a obriga de limpar a zona e vías ao final de cada día e ao rematar definitivamente os traballos, así como comunicar ao Concello a conclusión destes. E, a maiores, modifica os criterios para establecer a cuantía das fianzas, evitando priorizar o volumen de madeira que se prevé cortar e permitindo sumar predios nunha mesma comunicación previa.

Ademais, contémplase a posibilidade de acollerse a unha fianza anual fixa para aquelas empresas con alta actividade extractiva.
 
FIANZAS
A aplicación desta ordenanza que, a pesares do seu título non regula a actividade extractiva de madeira senón certas consecuencias dela, ten alertado sobre os aspectos que son mellorables, tanto para as empresas do sector como para o interese público.
 
Así, os problemas cotiáns xorden respecto da fianza e da reparación dos camiños e vías despois de rematar os traballos. Ata agora, á hora de calcular a fianza esixíase a continuidade física das parcelas para que se puideran considerar cubertas pola mesma garantía. Así, calquera descontinuidade habilitaba ao Concello para esixir unha fianza por cada parcela na que se ían desenvolver os traballos, o que ben podería determinar unha suma desproporcionada e aínda por riba debíase atender ao volume de corta previsto. Neste último aspecto, a fianza podía establecerse entre 500 e 6.000 euros, segundo o volumen de corta estruturada nunha complexa e case que incontrolable distribución por tramos que ían dende 300 a máis de 3.000 metros cúbicos. Iso si, por debaixo dos 20 m3 considerábase autoconsumo (polo tanto, fóra da regulación desta ordenanza).
 
Por iso, coa nova regulación preténdese simplificar o trámite deixando de lado o volume de madeira que se prevé cortar e se establece un mecanismo máis flexible que permita reunir moitos máis predios nunha mesma comunicación previa e que incentive a concentración dos traballos, tomando como referencia dúas posibles situacións: primeira, a contigüidade das fincas e, segunda, a última vía publica de acceso e o polígono catastral ao que estean adscritas. Agora ben e consecuentemente, a fianza se fixa nunha contía media, pois o volume de tala e a presión de cada actividade sobre o medio natural, os bens públicos e as vías públicas que se prevé será maior, de tal xeito que maior ten que ser a garantía media para a súa protección.
 
FIANZA ÚNICA
Por outra banda, articúlase un mecanismo para que as empresas que así o desexen, porque teñan unha previsión de alta actividade ou por calquera outro motivo, poidan depositar unha fianza única para todo o ano natural, que abranguerá todas as operacións que vaian a realizar, tamén con independencia do volume total da corta, e coa consecuente simplificación do trámite da comunicación previa.
 
COMUNICACIÓN
Dáselle máis énfase ao principal obxectivo da norma coa nova regulación da comunicación ao Concello do momento no que se rematen os traballos. Este é o xeito máis seguro para que a Administración comprobe o cumprimento das obrigas por parte dos interesados e de que coñeza canto antes o estado dos bens afectados e, consecuentemente, proceda o máis axiña posible ou ben á devolución da fianza   ou ben a que o responsable atenda por si mesmo o amaño dos danos causados ou finalmente, e noutro caso, se inicie un procedemento de execución subsidiaria.
 

No apartado dedicado as infraccións e sancións axústanse as contías aos límites legalmente previstos para este aspecto no eido local. Así mesmo, a especial relevancia que ten a comunicación previa de inicio dos traballos esténdese á obriga de comunicar o seu remate, de tal xeito que a súa omisión constitúe, por si mesma, unha infracción leve, agravada segundo o valor dos danos causados ou os custos necesarios para a reposición dos bens afectados.

 


O Concello formaliza a compra do terreo para crear un aparcadoiro xunto ao polideportivo do Roxal

O Concello de Neda é xa o propietario dunha parcela situada fronte ao polideportivo do Roxal. O alcalde, Ángel Alvariño, e máis os anteriores titulares asinaban esta mañá a transmisión dos terreos, que posibilitará a creación dunha área de estacionamento que dea servizo ao equipamento deportivo e ao conxunto de veciñanza da parroquia.
 
Resolto o procedemento aberto para a adquisición de terreos na zona, o goberno local adquiriu esta finca, duns 2.000 metros cadrados, que ofrecerá unha saída para acabar cos aparcamentos indebidos e os problemas de seguridade viaria que se producen nos viais de acceso á infraestrutura deportiva cada vez que esta acolle un evento.
 
O Concello faise con esta propiedade, situada no núcleo social desta parroquia, por un total de 20.000 euros. Un prezo máis que competitivo se se ten en conta que unha parte da parcela é edificable. De feito, o rexedor municipal agradecía esta mañá aos anteriores donos- Josefa Pérez e Antonio Pereira - a oferta presentada.
 
Desde o Concello apuntan que, de forma inmediata, procederán a acondicionar o espazo para os seus novos usos. O aparcadoiro dará servizo non só ao polideportivo senón tamén, por exemplo, á escola Semente de Trasancos, e servirá de apoio ao habilitado xunto ao pazo de Isabel II para visitar a fervenza do Belelle. Ademais, barállase a posibilidade de levantar na leira un pequeno almacén para a entidade veciñal.

 

Con esta compra, o goberno municipal dá resposta a unha «demanda longamente esperada polos veciños” do Roxal para ordenar o estacionamento na zona e ampliar a dotación de equipamentos básicos da parroquia.
 

<<  Anterior  | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | Seguinte  >>