Novas


NEDA ORGANIZA PARA MAÑÁ UNHA SESIÓN DE CONTACONTOS CUNHA MENSAXE SOCIAL

Neda, 9 de abril de 2019.- A programación de Lésme un conto? volve este mércores a Neda da man da obra “O corazón de Lolo”, unha historia cunha mensaxe social e orientada a participación de nenos e nenas con idades entre os 3 e 9 anos. A convocatoria será ás 18.30 horas e terá lugar na biblioteca municipal. A duración do encontro é de 45 minutos.
O conto narra as dúbidas dun pato, chamado Lolo, que vai pasar uns días cunha familia que non é a súa. É argumento co que a Cruz Vermella, a través da campaña “Abre outra porta no teu corazón”, trata de aumentar o número de familias acolledoras para garantir axuda a menores que atravesan unha situación de crise ou dificultade nas súas familias que lles impiden atendelos correctamente de maneira temporal.



A ANDAINA ENTRE SANTIAGO E FISTERRA REMATA O DOMINGO PENSANDO XA NUNHA NOVA CONVOCATORIA

Neda, 4 de abril de 2019.- A andaina organizada polo Concello de Neda entre Santiago e Fisterra chegará esta fin de semana á meta prevista e despois de percorrer algo máis de 72 quilómetros nas tres anteriores etapas. Na que terá lugar o próximo domingo día 7 de abril, os participantes, que se aproximan aos cen, cubrirán 25 quilómetros, que é a distancia que existe entre a ermida de Nosa Señora das Neves e o faro situado na fin do mundo, tal e como se estaba a pensar na antigüidade.
A saída producirase ás 7.30 horas das inmediacións do albergue de peregrinos e a primeira parte da etapa realizarase en autocar, un medio de transporte que tamén se utilizará na viaxe de regreso. Unha vez en Neda os participantes serán obsequiados con música e viandas e recibirán a Fisterrana. Será no albergue do peregrino e dará comezo ás oito da tarde.
A andaina entre Santiago e Fisterra deu comezo o día 17 de marzo e, cando xa está a piques de rematar, desde a Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Turismo xa se está a pensar na que se levará a cabo o próximo ano, por considerar que estas actividades “potencian os hábitos de vida saudables, favorecen a socialización e axudan ao coñecemento do noso patrimonio artístico, histórico, cultural e natural”, tal e como apuntou a súa responsable, Cristina Bouza Bellón. “Para min a sensación coa que rematan os participantes é un empuxe para seguir adiante con estas iniciativas”, aseverou..
A concelleira tamén entende que “temos un entorno local e en Galicia en xeral marabilloso e cheo de recursos” e asegurou que “o obxectivo que se está a perseguir con estas convocatorias é a posta en valor do territorio para potenciar na xente o orgullo do noso”. Bouza Bellón, que lembrou as rutas turísticas convocadas con anterioridade á andaina, destacou o encanto natural da ruta que rematará o domingo 7 e os moitos servizos que existen ao longo da ruta, tanto albergues como mesóns, para dar acollida a peregrinos e visitantes. Tamén quixo agradecer “a todos os que fixeron posible o éxito da actividade, aos participantes e aos voluntarios de Protección Civil de Neda, de Ames e Dumbría, que nos acompañaron e nos prestaron toda a súa atención e traballo”.

 



A UNIDADE MÓBIL DE INSPECCIÓN DE VEHÍCULOS AGRÍCOLAS ESTARÁ O MÉRCORES 10 EN NEDA

Neda, 3 de abril de 2019.- O goberno de Neda informa de que a unidade móbil de inspección de vehículos agrícolas estará no concello o día 10, en horario de 9.00 a 13.00 horas. Os interesados poden solicitar a cita a través do teléfono 902 309 000 ou ben na páxina www.sycitv.com (cita previa). O executivo local considera que se trata dun bo servizo para menter nas mellores condicións unha maquinaria pesada e complexa.



NEDA PON EN MARCHA UN SERVIZO DE ASISTENCIA XURÍDICA GRATUÍTO A VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

Neda, 2 de abril de 2019.- Mañá botará andar no Concello de Neda un servizo de asesoramento legal gratuíto a vítimas da violencia de xénero, unha prestación que responde ao cumprimento do pacto de Estado na devandita materia. Así, a administración local, ademais de recuperar as competencias nese apartado, vén de recibir unha axuda estatal, por importe de 1.618,70 euros, para a realización de proxectos ou programas que teñan como finalidade desenvolver medidas incluídas no devandito pacto. Inicialmente o servizo que agora comeza estará operativo ata o 15 de xuño, aínda que a intención do goberno municipal é mantelo ao longo do presente exercicio, e funcionará os luns e mércores en horario de 11.00 a 14.00 horas. A concelleira de Servizos Sociais, Igualdade, Facenda e Terceira Idade, Ana Rosa Pena Barcia, entende que a primeira medida para acabar coa lacra da violencia, xunto á educación, é a información. En base a esta premisa, segundo Pena Barcia, o executivo considerou conveniente iniciar este servizo pioneiro en Neda “dando a coñecer ás vítimas os seus dereitos, os trámites que deben seguir e as axudas ás que poden acollerse para que teñan a posibilidade, tanto elas como os seus fillos, de saír do terror no que viven”. A avogada María del Pilar Rodríguez Vargas estará á fronte dunha prestación que se ubicará no Concello e para a que non fai falta cita previa.



CERCA DE 200 FAMILIAS PARTICIPAN NO PROXECTO “MISIÓN: NEDA!

 

 O proxecto está aberto á participación da rapazada de 8 a 16 anos, sexa ou non de Neda, na compaña dos seus pais, nais, avós, avoas... ou de calquera outra persoa adulta da súa familia. O Concello elixiu os centros de ensino de Maciñeira e San Isidro como puntos de arranque da aventura, aínda que por ela tamén mostraron interese colexios próximos como o CPR Jorge Juan de Narón e hai rapazada da ESO que tamén recolleu o material na Biblioteca Municipal.
Esta mañá o profesorado de San Isidro destacaba o valor educativo dos cadernos que se están entregando e tamén o feito de propoñer unha aventura como fío condutor do descubrimento do municipio. “A maioría do alumnado foi cos pais percorrer o territorio. Algúns dixéronnos que era moi difícil atopar as letras, que lles custara moito traballo, pero tamén que lles estaba gustando moito a experiencia”, explicaba Carmela Novo, mestra de 6º de Primaria.
Por outra banda, Patricia Meira -profesora de 3º no mesmo centro- dicía hoxe que os nenos e nenas “están moi ilusionados”, ao tempo que cualificou a iniciativa como “unha idea que está moi ben” dado que lle axuda á cativería “a meterse xusto na súa cultura e tamén a coñecer un pouco máis o seu contorno. Hai moitos nenos e nenas que non sabían case nada do seu concello e agora estano aprendendo”.
Grandes e pequenos teñen desde hoxe dúas semanas para percorrer a zona de San Nicolás e Santa María para atopar as 10 letras que hai ocultas nos distintos puntos que se indican no mapa. O último caderno -e tamén a última sección da web- estará dispoñible a partir do venres 12 de abril, día en que a rapazada colle as vacacións da Semana Santa. Á volta aínda terán de prazo ata o día 26 para verificar no colexio ou na Biblioteca Municipal que completaron a misteriosa frase final, coa que poderán entrar no sorteo de varias táblets.

 

O proxecto está aberto á participación da rapazada ata 16 anos, sexa ou non de Neda, na compaña dos seus pais, nais, avós, avoas... ou de calquera outra persoa adulta da súa familia. O Concello elixiu os centros de ensino de Maciñeira e San Isidro como puntos de arranque da aventura, aínda que por ela tamén mostraron interese colexios próximos como o CPR Jorge Juan de Narón e hai rapazada da ESO que tamén recolleu o material na Biblioteca Municipal.
Esta mañá o profesorado de San Isidro destacaba o valor educativo dos cadernos que se están entregando e tamén o feito de propoñer unha aventura como fío condutor do descubrimento do municipio. “A maioría do alumnado foi cos pais percorrer o territorio. Algúns dixéronnos que era moi difícil atopar as letras, que lles custara moito traballo, pero tamén que lles estaba gustando moito a experiencia”, explicaba Carmela Novo, mestra de 6º de Primaria.
Por outra banda, Patricia Meira -profesora de 3º no mesmo centro- dicía hoxe que os nenos e nenas “están moi ilusionados”, ao tempo que cualificou a iniciativa como “unha idea que está moi ben” dado que lle axuda á cativería “a meterse xusto na súa cultura e tamén a coñecer un pouco máis o seu contorno. Hai moitos nenos e nenas que non sabían case nada do seu concello e agora estano aprendendo”.
Grandes e pequenos teñen desde hoxe dúas semanas para percorrer a zona de San Nicolás e Santa María para atopar as 10 letras que hai ocultas nos distintos puntos que se indican no mapa. O último caderno -e tamén a última sección da web- estará dispoñible a partir do venres 12 de abril, día en que a rapazada colle as vacacións da Semana Santa. Á volta aínda terán de prazo ata o día 26 para verificar no colexio ou na Biblioteca Municipal que completaron a misteriosa frase final, coa que poderán entrar no sorteo de varias táblets.


<<  Anterior  | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | Seguinte  >>