Novas


O Concello adica as Xornadas Literarias de Neda número 13 ao xénero de terror

Como non podía ser doutro xeito, a edición número trece das Xornadas Literarias de Neda xirarán en torno ao xénero de terror. Baixo o título “Monstros de Papel”, arrancarán este mércores, 22 de abril, no campus de Ferrol. Alí, na Facultade de Humanidades da UDC e a partires das 20 horas, o alcalde de Neda, Ignacio Cabezón Lorenzo, e o rector da Universidade, Manuel Recuero, presidirán o acto inaugural, tras o cal tomará a palabra a profesora Teresa López-Pellisa, da Universidade de Barcelona para impartir a primeira parte da súa conferencia “Monstruos posthumanos, trasgénicos y biotecnológicos”.

As Xornadas Literarias, organizadas polo Concello coa colaboración da Universidade para conmemorar o Día do Libro, continuarán xoves e venres na Casa das Palmeiras de Neda. Con entrada libre, e a partires das sete da tarde, o xoves a profesora López-Pellisa ofrecerá a segunda parte do seu relatorio e, a continuación, José Manuel Sande, programador do CGAI e especialista en cine e literatura, tomará o relevo coa súa conferencia “Fantástico e terror: travesía polas interseccións narrativas cine-literatura”. A xornada rematará con proxección cinematográfica.

Na xornada do venres, e á mesma hora e co mesmo escenario, retomaránse as Xornadas da man do clube de lectura do IES Fernando Esquío e o seu particular tributo ao xénero de terror, baixo a dirección da profesora Dolores Paris Fraga. De seguido, David Cortizo Conde, responsable da editorial Urco, falará sobre “O terror sobrenatural na literatura” e, os asistentes poderán disfrutar dunha mostra bibliográfica da editorial –os interesados tamén poderán mercar exemplares-. David Clark, da Universidade da Coruña, tratará “A literatura gótica irlandesa: antes e despois de Drácula”. E, finalmente, a xornada pecharáse cunha mostra de curtas de terror.

As Xornadas Literarias están promovidas polo Concello de Neda e a Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña, coa colaboración do Club de Lectura da Biblioteca do IES Fernando Esquío e da Deputación provincial da Coruña. Por último, o Concello de Neda fai unha invitación moi especial á cidadanía para que participen deste programa cultural do máis alto nivel, achegándose de preto ao xénero de terror.

 

Libros gratuítos. Doutra banda, e tamén no marco da conmemoración do Día do Libro, o Concello agasallará aos usuarios da Biblioteca Municipal cun libro dende este mércores, 22 de abril, e ata agotar existencias.



O Concello adxudica as obras de construción da primeira Escola Infantil de Neda

O alcalde de Neda, Ignacio Cabezón Lorenzo, informou da adxudicación das obras de acondicionamento da que será a primeira Escola Municipal Infantil da real vila. Construcciones Anllar será a encargada de levar a cabo a actuación que, en función dos trámites administrativos, comezará no mes de maio. Os traballos están orzamentados en 182.000 euros e, en febreiro, o Concello sacaba a licitación pública a intervención. Un proceso ao que concorrían ata 31 empresas. Nesta liña, Ignacio Cabezón recordou que está financiada ao 100% pola Consellería de Benestar e Traballo, despois da sinatura dun convenio de colaboración entre o departamento autonómico e o Concello.

A actuación levaráse a cabo na antiga Escola unitaria do Empedrón. O proxecto elaborado polos servizos técnicos municipais contemplan o acondicionamento das dúas prantas –baixa e primeira-. En total, 264,62 metros cadrados construídos e 218,85 útiles. A pranta baixa constará dunha aula de preto de 40 metros cadrados para nenos e nenas de cero a un ano; unha aula múltiple de algo máis de 32 metros; un aseo adaptado; cociña para preparar almorzos, comidas e merendas; un cuarto para os carriños e máis o hall de entrada. A estes espazos súmase o necesario para o ascensor. Así mesmo, a pranta alta disporá de dúas aulas – unha para nenos de un a dous anos (39,12 m) e outra para rapaces de dous a tres (42,59 m)-; un cuarto de máquinas; dous aseos adaptados, o cuarto de administración e hall.

En paralelo, Cabezón Lorenzo avanza que tamén se sacará a licitación a xestión. A pretensión é que, ao tratarse dunha escola municipal pero de xestión privada, inicie a súa actividade tan pronto vaian concluíndo os procesos administrativos, sen necesidade de ter que esperar ao mes de setembro.

Os nenos e nenas de Neda terán preferencia absoluta. E, nesta liña, o alcalde sinala que a día de hoxe estímase unha demanda de entre 10 e 12 nenos e que as prazas previstas serán 41. Así mesmo, explicou que no seu momento estableceránse axudas e descontos en función tamén da situación económica das familias solicitantes. 

 



A real vila de Neda inaugura este venres o seu Mercado Medieval

O Concello de Neda inaugura este venres 17 de abril, a partires das 19 horas, a cuarta edición do seu Mercado Medieval. Unha cita que, segundo explicou a concelleira de Turismo, Montse Rico, congregará a medio centenar de postos de artesanía, xunto aos cales se habilitarán obradoiros nos que os mestres artesáns amosarán en directo a súa técnica co vidro ou a madeira. Así mesmo, non faltarán os espectáculos a pé de rúa, como os vistosos números con lume ou malabares. Haberá tamén espazo para unha gran taberna. O Mercado permanecerá aberto tamén sábado e domingo, entre as  11,30 e as 15 e dende as 17 horas –e ata o que demande o público-.

As rúas do casco histórico serán o escenario onde se desenvolva a cita co pasado medieval e, por iso, a Policía Local pon en marcha un dispositivo especial de tráfico polo que se prohíbe o estacionamento e circulación dos vehículos nas rúas Real, Sobre a Vila e Paraíso entre as 15 horas do pasado xoves ata o remate do mercado, previsto para a tardiña do domingo 19. Agradeceu nesta liña a colaboración de residentes e veciños.

Así mesmo, a edil Montserrat Rico reiterou o agradecemento do Concello pola implicación de hosteleiros e  comerciantes da vila como a perruquería Lomena e a mercería Mary, onde veciños e visitantes poden alugar ou mercar vestimenta da época para visitar o mercado, e o estudo de fotografía Zebral, que habilita un photocall para aqueles que desexen levarse un recordo do seu paso pola real vila e, tamén, confeccionará fotomontaxes a partires de fotografías dos visitantes.

Por último, o Concello invita a veciños e visitantes a achegarse á real vila de Neda e tomar parte nesta cita co Medievo.



Exposición dos traballos da asociación de bordadoras Brosladeiras na Casa das Palmeiras

A Casa das Palmeiras acollerá unha exposición cos traballos da asociación de bordadoras Brosladeiras de Neda durante esta fin de semana. Inauguraráse este venres, 17 de abril, ás 19 horas, e permanecerá a disposición do público ata o domingo, en horario de mañá –de 11 a 13 horas- e de tarde –de 16,30 a 21 horas-. A entrada é libre e gratuíta.

Na mesma, a veintena de mulleres que participan da asociación mostrarán os seus traballos de bordado a man, tal que manteis e sábanas, entre outros. Unha mostra con carácter anual que levan realizando uns dezaoito anos.



Neda celebrará esta fin de semana o seu IV Mercado Medieval nas rúas do casco histórico

O alcalde, Ignacio Cabezón Lorenzo, e a concelleira de Promoción Turística, Montserrat Rico, presentaron esta mañá a cuarta edición do Mercado Medieval Real Vila de Neda que, unha vez máis e tras o parón do pasado ano, permitirá a veciños e visitantes recuperar a maxia do Medievo nun entorno máis que favorable, as rúas do casco histórico de Neda. A cita arrancará o venres á tarde, sobre as seis, e permanecerá aberta sábado e domingo en horario de mañá e tarde. Reunirá medio centenar de postos de artesanía, algúns deles con demostracións do traballo como o de vidro ou madeira. Sumaráse a estes unha gran taberna e non faltará a animación a pé de rúa, como malabares ou espectáculos de lume. Así mesmo, a edil Montserrat Rico agradeceu especialmente a implicación de hosteleiros e  comerciantes da vila e citou entre eles a perruquería Lomena e a mercería Mary, onde veciños e visitantes poden alugar ou mercar vestimenta da época para visitar o mercado, e o estudo de fotografía Zebral, que habilitará un photocall para aqueles que desexen levarse un recordo do seu paso pola real vila.

De igual xeito, a concelleira explicou que, con motivo da celebración da cita, a Policía Local vén de articular un dispositivo especial de tráfico polo que se prohibirá o estacionamento e circulación dos vehículos nas rúas Real, Sobre a Vila e Paraíso entre as 15 horas deste xoves ata o remate do mercado, previsto para a tardiña do domingo 19. Agradeceu nesta liña a colaboración de residentes e veciños.

Pola súa banda, o alcalde, Ignacio Cabezón, destacou o traballo da concellería na organización do evento e lembrou que Neda foi un dos primeiros municipios na ría en poñer en marcha este tipo de citas, sumando á tradicional venda de artesanía novos reclamos como actividades complementarias. Por último, confiou en que o bo tempo acompañe nas xornadas de celebración e invitou a veciños e visitantes a achegarse ao mercado e disfrutar do ambiente do Medievo.


<<  Anterior  | 96  | 97  | 98  | 99  | 100  | Seguinte >>