Novas


COSTAS INVESTIRÁ 200.000 EUROS NA REPARACIÓN DA PASARELA PEONAL, QUE PERMAÑECERÁ CATRO MESES CORTADA


Neda, 22 de noviembre de 2017.- Á espera de que amaine o temporal, a Demarcación de Costas en Galicia anunciou hoxe en Neda o inicio da obra de reparación da pasarela peonal para o próximo luns. Problemas estruturais e un pésimo estado de conservación levaron aos responsables do organismo estatal a acometer os traballos previstos de maneira inmediata e a asumir integramente o custo dunhas obras orzamentadas en 200.000 euros. O prazo de execución do proxecto será de catro meses, período de tempo no que permanecerá pechada ao tráfico de persoas unha estrutura que enlaza o municipio de Neda co de Narón. O enxeñeiro da Demarcación de Costas en Galicia, Carlos Gil Villar, foi quen de anunciar a realización dunha obra que o alcalde de Neda, Ángel Alvariño Saavedra, valora e agradece por canto a súa execución supón garantir a seguridade das persoas que a utilizan case a diario. O alcalde estivo acompañado polo concelleiro de Obras, Ángel García Cordero, e máis por Pablo Mouriz, responsable de Obras na corporación de Narón. Ángel Alvariño informou ao representante da Demarcación de Costas de que, pola súa banda, o Concello tamén está a contribuír, na medida das súas posibilidades, coa conservación da costa no tramo que lle corresponde. Así, a administración local asumiu e xa levou a cabo a limpeza da franxa litoral comprendida entre a ponte de Xuvia e ata chegar ao límite do municipio de Fene. Para máis adiante, ademais, está previsto que os alumnos da escola obradoiro que agora se está a impartir repoñan o material danado que poida haber no paseo marítimo e melloren a súa seguridade.



ALUMNOS DE SAN ISIDRO COÑECEN O CONCELLO E COMPARTEN MERENDA COS POLÍTICOS LOCAIS


Neda, 20 de novembro de 2017.- Alumnos de Primaria do CEIP San Isidro quixeron hoxe botar unha ollada ao Concello para coñecer as súas instalacións pero tamén para saber un pouco máis do seu funcionamento. O alcalde, Ángel Alvariño Saavedra, foi quen de recibir aos nenos mesmo á entrada da Casa Consistorial para, a continuación, pasar todos xuntos ao salón de plenos donde tivo lugar o encontro. No mesmo, Alvariño recordou que o Concello e a casa de todos e que é a administración máis próxima á xente. O paso dos estudantes polo Concello finalizou cunha pequena merenda para romper o xeo



“NEDA EN NEGRO” DEIXARÁ UNHA MARCHA POLO BO TRATO, MANIFESTOS, CHARLAS E DÚAS REPRESENTACIÓNS TEATRAIS


Neda, 20 de novembro de 2017.- Neda participou este ano por primeira vez na campaña En Negro promovida polo Concello de Santiago para sensibilizar ao conxunto da poboación contra a violencia que está a acabar coa vida de mulleres e nenos. Este tamén é obxectivo dos actos que o equipo de goberno convoca para os días 24 e 25 con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. A primeira das xornadas amencerá moi cedo coa “Marcha polo bo trato” na que tomarán parte, ademais das persoas que desexen sumarse, alumnos dos CEIPs Maciñeira e San Isidro e do IES Fernando Esquío. As inmediacións do albergue de peregrinos será o punto de partida. A saída está prevista para as 10.30 horas. Ao remate da marcha, na praza do Concello, terá lugar a lectura do manifesto institucional, ademais de outras intervencións que correrán cargo de estudantes. Este acto dará comezo ás 11.00 horas. A actividade, a partir as 13.20 horas, trasladarase ao IES Fernando Esquío. As súas instalacións acollerán unha charla sobre a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual, organizada pola Secretaría Xeral de Igualdade de Galicia e dirixida a alumnos de 3º de ESO. Esta primeira xornada rematará cunha representación teatral na Casa das Palmeiras, a partir das 19.30 horas. O grupo Ti e máis eu porá en escena a obra “Pai respóstame”. Co teatro tamén concluirán os actos organizados para o 25 de novembro. Ese día, ás 20.30 horas, a Casa de Cultura de Neda acollerá a interpretación da obra “Falsas denuncias”, que correrá a cargo da compañía Teatro Semente. Trátase dunha peza que “se interrompe por momentos para que un grupo de vítimas doutros tempos animen, critiquen e reflexionen sobre o pasado, presente e futuro da muller”. Carlos Basoa dirixirá a un grupo de dez actores, entre os que cabe citar a Tatiana Méndez, Andrea Vilariño, Maite Vilar e María López



Programa para a conmemoración do Día internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller.



Excursión a Valença e Fortaleza 13 de decembro, saida as 8 da praza do concello, residentes en Neda 10 euros, veciños doutros concellos 15, inscripcións no concello ata o día 7.


<<  Anterior | 1  | 2  | 3  | 4  | 5  | Seguinte  >>